O BNG lamenta "a falta de interese real" do goberno local polo medio ambiente

O voceiro nacionalista, Fran Leiro, advirte de que o Concello adhérese ao programa de reciclaxe a través de plantas de compostaxe de Sogama “únicamente para evitar sancións de Europa”
(_LO_8716.JPG)  Salnes Casa Mariñeira de Portonovo 12 00h Presentacion de Fran Leiro candidato do BNG Estaran Ana Miranda e Montse Prado13536
photo_camera Fran Leiro, voceiro do BNG en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo abstívose á hora de votar sobre a adhesión do Concello ao Programa de Reciclaxe a través das plantas de compostaxe de Sogama, nunha sesión plenaria, con carácter extraordinario, celebrada este venres. O voceiro nacionalista, Fran Leiro, avoga por unha xestión axeitada dos residuos orgánicos, algo polo que "non ten ningún tipo de interese" o goberno de Telmo Martín. Así o demostra o feito de que este punto fose levado a Pleno “a última hora”, xa que tiña que aprobarse antes do remate de 2023.

“Estamos no prazo límite para entrar nun modelo que aínda está por ver se vai funcionar”, advertiu Leiro, que lembra que o modelo do PP de “queimalo todo” a través de Sogama, “só rematou porque Europa lle puxo fin. Se agora entramos neste plan é para evitar sancións da Unión Europea e non porque exista un interese real por parte do goberno local de apostar pola protección do medio ambiente”.

A este respecto, o BNG recorda que son varios os feitos que amosan o “desinterese total” do Partido Popular neste eido. Unha proba é o estado de abandono total no que continúan os 3 composteiros comunitarios habilitados polo goberno local, que seguen pechados e sen uso. “Nin o alcalde nin o equipo de goberno tiveron nunca interese á hora de concienciar á veciñanza no seu uso, a pesar das vantaxes económicas e medioambientais que conlevaría a súa utilización habitual”, denuncia Fran Leiro, que tamén insiste nas constantes queixas da veciñanza sobre o mal funcionamento da recollida selectiva do lixo no rural, onde “é unha odisea para a cidadanía”.

No caso da compostaxe comunitaria, Leiro ten claro que ese abandono dos centros comunitarios “reflicte ás claras a especialidade do señor Telmo Martín, que é fomentar políticas de cemento nas que se gastan cartos públicos en infraestruturas ás que non se lles dá ningún tipo de uso”. Isto contrasta, en cambio, co bo funcionamento do composteiro comunitario que o goberno local do cuatripartito puxo en marcha antes da chegada de Telmo Martín en Portonovo, a través do Plan Revitaliza.

O voceiro do BNG foi moi crítico tamén coa decisión do Partido Popular de eliminar o Plan Revitaliza na súa chegada á Deputación de Pontevedra. “Destrúen un modelo que estaba demostrado que funcionaba moi ben e que agora vai costar moito recuperar”, alertou. Leiro insistiu, asemade, no feito de que esta adhesión ao plan de Sogama “non é como para que o goberno local presuma de nada, porque o seu desinterese polo respecto ao medio ambiente quedou xa máis que demostrado. O único obxectivo é evitar multas económicas”, engadiu.

Fran Leiro incidiu, por último, en que unha xestión máis próxima dos biorresiduos, como era a plantexada polo Plan Revitaliza, xeraría “moito máis aforro” que o que se acadará a través deste modelo, xa que “se reducirían de xeito notable os costes derivados do transporte”.