O BNG denuncia a falta de partidas para unha estrada entre Vilalonga e o polígono de Nantes

O proxecto, de vital importancia para impulsar a actividade do parque empresarial e para dar servizo a milleiros de habitantes da contorna, permanece paralizado desde hai máis de 10 anos 
Parque empresarial de Nantes. DP
photo_camera Parque empresarial de Nantes. DP

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo advirte "das ausencias de grandes proxectos no Orzamento de 2024, carencias que impiden que se dea reposta a demandas e necesidades históricas da veciñanza". Os nacionalistas poñen de exemplo «a ausencia de partidas» destinadas a unha estrada que conecte o polígono empresarial de Nantes coa parroquia de Vilalonga, "un proxecto que leva esquecido desde hai máis dunha década", sinalan.

O voceiro do BNG, Fran Leiro, acusa ao alcalde, Telmo Martín, de "mentir de xeito sistemático á veciñanza" sobre esta actuación, que "estamos convencidos de que probablemente volverá a ser unha promesa nesta campaña electoral para as eleccións autonómicas, a pesar de levar máis de 10 anos esquecida nun caixón".

Lembra Leiro que a principios da pasada década a Xunta de Galicia e o Concello de Sanxenxo anunciaron un investimento de 2,9 millóns de euros para construír este enlace, que "non só é necesaria para garantir o desenvolvemento do polígono, senón tamén porque daría servizo a milleiros de persoas de toda a contorna".