O BNG critica que "Sanxenxo terá os impostos máis caros da comarca"

O voceiro Fran Leiro apunta que ese 0,48% pasará a estar entre os máis elevados de toda a provincia
O voceiro do BNG, Fran Leiro, no centro da imaxe. ARQUIVO/ JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O voceiro do BNG, Fran Leiro, no centro da imaxe. ARQUIVO/ JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O grupo municipal do BNG de Sanxenxo criticou duramente este venres a suba de impostos que vai acometer o Goberno de Telmo Martín, no que consideran  "é un novo capítulo dentro da súa política especuladora e de ladrillo, que traerá como consecuencia un forte impacto ao peto dos veciños e veciñas de Sanxenxo". Dende o partido advirten de que o incremento do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e o de Vehículos de Tracción MecÁnica (‘viñeta’) convertirán estes dous recibos nos máis elevados da contona.

Así o avisa o voceiro nacionalista, Fran Leiro, que, no caso do IBI, apunta que ese 0,48 (actualmente atópase no 0,40) pasará a estar entre os máis elevados da provincia de Pontevedra. "Co engadido, ademais, de que é unha taxa que se aplica sobre o valor dos inmobles, que actualmente teñen un índice moi elevado, froito da especulación urbanística que abandera o señor Martín", sinala Leiro.

"Non menos sangrante resulta o caso da viñeta, que coa suba do PP pasa a ser a segunda máis cara de toda a comarca do Salnés para vehículos de 8 a 11,99 cabalos fiscais e de 12 a 15,99 (105,75 euros)". Os nacionalistas explican que só Vilagarcía supera estes rexistros, que son máis elevados que outros concellos colindantes como Poio (42 e 88 euros, respectivamente) ou cunha maior poboación, como Lalín (34,08 e 81,29 euros) ou Marín (47,71 e 100,72 euros).Un incremento "xusto despois da subida de soldos".

"Ao BNG non se lle escapa que esta medida chega pouco despois de que o Goberno local decidise incrementar os seus soldos nun 18%. É curioso que esta suba chegue xusto despois de que os salarios do equipo do señor Martín pasen a ser máis elevados", sentenciou.