‘O barro da vida’ esgota as entradas en 24 horas e programa unha nova sesión

O documental sobre o naufraxio de 1940 e a tradición telleira en Vilalonga, dirixido por Xan Leira, volverá proxectarse en O'Spa o 5 de marzo despois de espertar unha grande expectación na parroquia

Participantes no documental durante a rodaxe en Vilalonga. RAFA FARIÑA
photo_camera Participantes no documental durante a rodaxe en Vilalonga. RAFA FARIÑA

A expectación é máxima na parroquia de Vilalonga ante a próxima estrea do documental O barro da vida, un documental dirixido por Xan Leira que aborda a traxedia do naufraxio en Arnosa en 1940, no que faleceron 23 persoas, e que conta coa intervención de 27 testemuñas directas e indirectas. Tanto é así que en tan só 24 horas as entradas para as súas sesións previstas o vindeiro día 12 no bar O’Spa, con case 500 localidades, esgotáronse nas primeiras 24 horas.

Por este motivo, a peza, que afonda na tradición telleira como motor económico de Vilalonga, volverá emitirse no mesmo emprazamento o día 5 de marzo de xeito gratuito en dúas sesións (18.30 e 20.20 horas). "Nótase a calor e o respaldo da xente a estes actos e estamos moi agradecidos", sinalou o presidente de Codesevi, Carlos García Padín.

A estrea do documental enmárcase na xornada de homenaxe en lembranza das vítimas que a Asociación de Veciños O Salnés de Vilalonga e Codesevi, en colaboración co Concello de Sanxenxo, teñen previsto celebrar este domingo cunha misa exterior baixo unha carpa nas inmediacións do pantalán da Arnosa, ás 12.00 horas.

A peza, musicalizada polo vilalongués Dani Dopazo e Xoán M. Parada garda unha sorpresa para as persoas que participaron no documental aportando a súa testemuña, que se dará a coñecer o mesmo día da estrea.