Comezou a rodarse o pasado mes de xuño de 2022 nas instalacións de Cerámicas Campo en Vilalonga baixo o nome técnico de A tradición telleira e cerámica de Vilalonga, e agora xa ten data de estrea e título definitivo. O documental O barro da vida, dirixido por Xan Leira (Bos Aires, 1955), presentarase o vindeiro 12 de febreiro en dous pases no antigo cine Don Juan de Vilalonga (actual Bar O’Spa), ás 18.30 e as 20.30 horas e, para o director, supón devolver un anaco de memoria á vila. E é que, co telón de fondo do traballo do barro e a súa explotación industrial, que transformou o entorno paisaxístico e natural de Vilalonga, esta historia recupera o afundimento dun galeón que o 25 de febreiro de 1940 deixou 23 vítimas mortais que regresaban de marisquear do Grove. "As familias destas 23 vítimas destrozadas pola traxedia e sen ningún tipo de reparación naquel momento por parte da Ditadura e o silencio, sentiranse algo reparadas", agarda o director.
Para Leira, sacar á luz este documental é "devolverlle á xente parte da súa historia, unha historia que, ademais, merece ser contada". Durante a rodaxe, que tamén tivo como escenario o antigo cine Don Juan, ademais da contorna da vila, e que conta con 27 testemuñas directas e indirectas do afundimento, entre eles Maximino González, un testigo directo que ía co seu tío nun bote a poucos metros do lugar, os relatos dos e das participantes foron, para o director, "impactantes". "As persoas entrevistadas, nos anos 30 e 40 eran nenos que traballaban duramente. O traballo do barro entre os anos 40 e 50 eran 24 horas ao día postas ao servizo desta tarefa, e moitas delas din que eran ‘escraviñas’. Tiñan que traballar e resolver a vida familiar. O traballo era o denominador común dos nenos e nenas que hoxe son os nosos avós".
Por este motivo, o documental que está a piques de estrearse conta con grandes tintes emocionais para o pobo de Vilalonga. "Pola miña experiencia, cando produces material vencellado á memoria local, a xente responde moi ben. É unha historia interesante e un orgullo para Vilalonga, para Sanxenxo e para a ría de Arousa, onde está gravado o traballo do barro".
Á estrea do documental, que terá lugar pola tarde, precederáa durante a mañá do mesmo día (12.00 horas) unha misa en acto de homenaxe ás vítimas do naufraxio, que se levará a cabo nunha carpa instalada no pantalán de Arnosa, tamén impulsada pola Asociación de Veciños de Vilalonga e Codesevi en colaboración co Concello de Sanxenxo. Pola súa banda, para acudir á estrea do documental en O’Spa, os interesados deben inscribirse no local de xeito gratuito ata completar aforo.
Unha rede veciñal