A ampliación do centro de saúde de Baltar suporá gañar cinco consultas

▶ Sanidade confirmou este venres a viabilidade da obra, mediante a que se dotará ao edificio dunha altura máis no sector que carece dela ▶ Os orzamentos da Xunta contemplan 400.000 euros
O alcalde, o xerente da área sanitaria e o conselleiro este venres durante a visita ao centro de saúde de Baltar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O alcalde, o xerente da área sanitaria e o conselleiro este venres durante a visita ao centro de saúde de Baltar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A ampliación do centro de saúde de Baltar será unha realidade. Se ben a visita ao edificio o pasado mes de febreiro por parte conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, co obxectivo de valorar a viabilidade da obra proposta polo Concello de Sanxenxo xa facía prever unha resolución favorable á demanda, Sanidade reafirmou este venres públicamente o destino da partida de 400.000 euros da Xunta para 2023, que servirá para iniciar os traballos cos que o centro de saúde gañará unha altura máis para cinco consultas: unha de enfermería, outra de traballo social, unha consulta de docencia, unha sala de técnicas e unha sala polivalente, ademais de reorganizar algúns dos espacios existentes.

Concretamente, a actuación suporá igualar en altura todas as áreas do edificio. Neste sentido, se ben unha parte da estrutura xa conta con dúas, a obra posibilitará gañar uns 150 metros cadrados na planta superior.

De feito, tal e como lembrou o alcalde, Telmo Martín, a luz verde ao proxecto por parte do conselleiro de Sanidade ten lugar só "oito meses despois de que viñera visitar o centro de sáude, e xa se lle está dando resposta á necesidade planteaxada polos profesionais sanitarios".

Un médico máis para Baltar

Ademais da futura ampliación das instalacións, durante a visita que tivo lugar durante a mañá deste venres, o conselleiro confirmou que o centro de saúde contará cun médico máis a partir da vindeira semana, e que, concretamente, incorporarase o 26 de outubro. Así o garantiu García Comesaña, quen asegurou que esta dotación enmárcase dentro do procedemento de adxudicación de prazas fixas por concurso de méritos, que na comarca do Salnés suporá engadir oito prazas máis aos centros de saúde, e concretamente unha delas a Baltar.

Segundo explicou o conselleiro, nunha segunda quenda cubriranse outras tres prazas ata completar un total de 11 máis, e que "levan moito tempo vacantes, quedando desertas nas ofertas públicas de emprego ou nos concursos de traslado que se teñen feito".

Esta convocatoria iniciouse en abril e coa primeira quenda de adxudicacións de setembro, asegurou o conselleiro, "nun periodo de cinco meses imos ser quen de resolver un proceso extraordinario complexo coma este no que 11 profesionais incorporaranse con praza fixa nos centros de saúde da comarca do Salnés". Ademais, os profesionais que se incorporen farán "dúas gardas ao mes nos PAC da comara. Cada praza ten asignado un PAC ou dous específicos, e hai un número importante de prazas arredor de Sanxenxo cuxo centro de referencia é o PAC de Baltar ou tamén o PAC de Pontevedra", explicou García Comesaña.

Entre outras medidas, o conselleiro lembrou que os orzamentos da Xunta "teñen fondos para formar a máis persoal para traballar nos centros de saúde de Galicia", cun aumento do 10%, ata os 67 millóns de euros, ademais de formular "unha petición ao Parlamento para que este proceso se poida estender aos hospitais comarcais e ao ámbito da saúde mental e atención pediátrica".

Pola súa banda, asegurou o alcalde, "cónstame que a Xunta, e en especial o conselleiro e o seu equipo, está a traballar para garantizar unha boa calidade asistencial e que nos vindeiros días incorporarase un novo médico e se reforzarán con máis persoas as gardas do PAC. Pese as limitacións e as barreiras que se están a poñer dende o goberno do Estado e dende os grupos políticos que abandeiran pancartas en manifestacións pero logo votan en contra das medidas que permiten reforzar o persoal dos centros de saúde de Primaria, Sanidade está atopando fórmulas".

O pediatra, de baixa

A área de Pedriatría do centro de saúde de Baltar estase cubrindo actualmente a través de dous pediatras do Hospital do Salnés, que pasan consulta físicamente algúns días á semana no centro de saúde, segundo explicou o conselleiro, a causa da baixa médica do pediatra que atendía en Baltar. A maiores, tal e como aclarou García Comesaña, un segundo pediatra que se atopa na área Meaño-Meis recibe tamén "nenos de toda a comarca", se ben "na lei que acabamos de levar ao parlamento incorpórase a posibilidade de conseguir pediatras por concurso".

En canto ao persoal de enfermería, que tamén presta atención pediátrica de forma física no centro para complementar a labor dos pediatras, o conselleiro asegurou que en Baltar axústase á ratio. "E neste centro tamén temos unha especialista familiar-comunitaria", engadiu.