Un arcoíris de cores para a pintura e unha mensaxe ben clara no morro. Así é Kartlonga, un vehículo estilo Fórmula 1 deseñado e fabricado por alumnos e alumnas dos ciclos de Automoción e de Bacharelato do IES de Vilalonga, co obxectivo de competir a nivel nacional baixo o lema IES de Vilalonga, promotor da igualdade.
O proxecto, que se comezou a xestar no curso 2021-2022, vén de ver a luz grazas ás sinerxias de varios departamentos do centro, colleitando xa varios premios, coma o da categoría Best Bodywork no Navarra Circuit 2022 National Finals. O principal obxectivo, tal e como explica o mestre e supervisor do proxecto, Álvaro Rodríguez, foi participar a nivel nacional na competición organizada pola Aspciación Green Power, co apoio da multinacional Bridgestone, "e coa posibilidade de participar no sucesivo en competicións xa a nivel internacional, con outros centros de Formación Profesional, institutos e universidades".
"O interese deste proxecto é que foi realizado polo alumnado, que fixo o deseño, a fabricación e a montaxe", explicou Rodríguez. Precisamente, participaron alumnos e alumnas da FP Básica e do ciclo medio de Automoción, así como cinco alumnos de Bacharelato do IES de Vilalonga, nunha dinámica de traballo transversal que implicou tamén aos departamentos de Matemáticas e Plástica. "Quixemos estructurar o equipo coma o típico de competición estilo Fórmula 1, onde os rapaces e rapazas dividíronse en diferentes departamentos, como foron Márketing, departamento de Compras, departamento Mecánico e o de Loxística", sinalou o mestre.
A creación do vehículo, que xa competiu tamén no circuito urbán de Bilbao e no circuito de automobilismo de Pamplona, comezou cunha primeira fase de deseño do kart na que, segundo Rodríguez, "os rapaces, coa nosa axuda, entregaron varios croquis, que despois simulabamos nun programa de deseño asistido mediante o computador. Así puidemos facer simulacións estilo túnel do vento para comprobar cal era o deseño óptimo por cuestións de aerodinámica", sinalou.
Unha vez escollido o deseño, comezou a tarefa de fabricación na que, como non podía ser doutro xeito, e co obxectivo de "continuar inculcando a idea de economía circular no alumnado", déronlle unha segunda vida ás pezas que xa tiñan no taller. Unha vez fabricados os largueiros, os travesaños e demais compoñentes do vehículo, comezou a tarefa de montaxe, coa posterior chapa e pintura, que acadou un resultado tan vistoso coma orixinal.
Unha ensinanza dinámica
De feito, ‘Kartlonga’ non é o primeiro proxecto innovador creado polo alumnado. Antes, Furgolonga, un vehículo inclusivo que conta cunha maqueta de son insertada para facilitar así a súa usabilidade ás persoas con dificultades sensoriais, acadou o Premio Innova FP Galicia, outorgado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade o pasado ano 2021.