Ribadumia volverá a premiar ás mellores postais de Nadal

O Goberno local lanzou as bases da XXI edición do concurso no que poderán participar nenos e nenas de entre 3 e 16 anos que estean empadroados no municipio ou escolarizados no CPI Julia Beccera Malvar ou o CRA
Cartaz da XXI edición do Concurso de Postais de Nadal. DS
photo_camera Cartaz da XXI edición do Concurso de Postais de Nadal. DS

As datas festivas do Nadal vanse achegando e, con elas, o comezo da programación especial do Concello de Ribadumia, que este ano volve convocar o XXI Concurso de Postais de Nadal. O prazo para presentar as creacións estará aberto ata o vindeiro 16 de novembro. O Concello de Ribadumia xa publicou as bases deste concurso no taboleiro de anuncios, na plataforma municipal e nas redes sociais. 

O concurso está aberto a todos os nenos e nenas de entre 3 e 16 anos, empadroados no Concello de Ribadumia, escolarizados no CPI Julia Becerra Malvar ou no CRA de Ribadumia. Cada alumno/a presentará un único traballo e participará na categoría que lle corresponda segundo o seu curso escolar (infantil, primaria ou ESO). 

Estas postais terán que facer alusión ao Nadal e á exaltación dos valores típicos destas datas como, por exemplo, a solidariedade, a familia, a amizade, a reunión, a ledicia, etc. Amais, terán que ser orixinais e non estar presentadas a outros concursos. Para presentar estas creacións haberá, en cada centro escolar, unha urna para depositalas. No Concello de Ribadumia tamén haberá unha urna para facer a súa entrega, que estará dispoñible ata o 16 de novembro ás 14:00 horas. 

Unha vez se coñezan os gañadores de cada unha das categorías, os traballos presentados pasarán a ser propiedade do Concello, e o fin último do concurso é a elaboración da felicitación de Nadal coas postais gañadoras.