Ribadumia dá o pistoletazo de saída á súa programación máis terrorífica

Os veciños e veciñas do municipio poderán gozar de espectáculos, entretemento, música, diversión e dunha chocolatada ata o vindeiro día 31
Unha festa de Samaín en O Salnés. DS
photo_camera Unha festa de Samaín en O Salnés. DS

A fin de semana máis terrorífica do ano chega a Ribadumia, e a programación que o Concello ten preparada permitirá que tanto pequenos coma maiores poidan gozar de todas as citas que o municipio ten preparadas, onde ademais do terror, non faltarán a diversión e o entretemento. Precisamente, as actividades arrancan este domingo, 29 de outubro, a partir das 19.00 horas, cando o Auditorio Municipal acollerá Abracadaver, un espectáculo de circo para partirse de risa e desfacerse dos medos. Ademais, contará con clown, malabares, escapismo, rulo, acordeón, serrucho... todo á disposición dun actor preparado para sorprender con Abracadaver. A entrada é libre a apta para público familiar. 

O luns 30 e o martes 31 pola tarde, a veciñanza poderá gozar do túnel do terror creado e deseñado pola ANPA do CPI Julia Becerra Malvar; unha representación ambientada no medo e no terror típico destas datas.

 
O martes 31, a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, en colaboración co Concello de Ribadumia, ten organizada unha festa con concurso de disfraces e de doces típicos destas datas. A partir das 17.30 horas, o público poderá visitar o túnel do terror no CPI Julia Becerra Malvar e, a partir das 19.00 horas, no Centro Social de Barrantes levarase a cabo unha festa de Samaín, con procesión da Santa Compaña polas rúas do centro de Barrantes, chocolatada e música a cargo dun DJ. 

O Concello de Ribadumia recomenda, para estas festas de medo, poñer o disfraz máis aterrador do armario e gozar destes días máxicos. "Samaín é máis que unha data no calendario; é a oportunidade de compartir momentos inesquecibles na compañía dos nosos seres queridos. Únete á diversión en todas as actividades de Samaín organizadas en Ribadumia e vive todo o misterio e entretemento que esta tempada ten para ofrecer", manifestaron dende o Concello.,