Xoel López encheu de música a Carpa de concertos na segunda xornada da Festa do Marisco

Antes, celebrouse a presentación do libro e da exposición Marea de encaixes de Isabel Alonso e Mario Gallego
Concerto de onte na Festa do Marisco. CEDIDA
photo_camera Concerto de onte na Festa do Marisco. CEDIDA

O concerto de Xoel López celebrado este sábado cerca da media noite na Carpa de concertos da Festa do Marisco, foi un éxito rotundo de asistencia.
Tratábase dun dos concertos máis importantes e mediáticos de todo o calendario do marisco, facendo que ao longo de todo o día moita xente se achegara ata as Carpas Degustación a probar algúns dos pratos incluídos no menú, para despois ver a actuación máis tarde.

Ás 23.00 horas arrincaban as actuacións con Ale, e pechou a xornada Rapariga Dj.

Durante a tarde, ás 20.00 horas, tivo lugar no Auditorio do Grove a presentación do libro e da exposición Marea de encaixes, de Isabel Alonso e Mario Gallego. A mostra, que estará dispoñible para visitar no Auditorio ata o vindeiro día 15 de outubro, está centrada no mundo da artesanía e no encaixe de bolillos a través do fío conductor dun libro que leva o mesmo nome.

Ao acto acudiu o alcalde, José Antonio Cacabelos, que declarou que “este libro e esta exposición relata de boa maneira a vinculación coa artesanía e o encaixe da nosa zona, así como tamén a súa vinculación ao mar”.
O rexedor destacou tamén que “nesta xornada de sábado O Grove xa está a vivir a Festa do Marisco no se máximo esplendor, con visitantes de moitos puntos de España e Europa, e como a meteoroloxía tamén acompañou, recibimos moitos visitantes que se trasladan en coche, que decidiron no mesmo día achegarse ata a nosa vila”. 

O Alcalde quixo incidir en que “os grandes concertos do Marisco, como o de hoxe de Xoel López, axudan a diversificar a programación e conseguen atraer ao Grove a visitantes que fan turismo de xeitos diferentes, complementando a oferta gastronómica da que dispoñemos”.