Rueda enxalza ao sector hoteleiro para consolidar Galicia como un referente do turismo sostible

O presidente da Xunta asistiu á inauguración do Hotel Boutique Vilavella do Grove, onde apuntou que iniciativas como o Bono turístico ou os plans específicos para reforzar o sector contribúen a mellorar a oferta

Alfonso Rueda durante a visita ao Hotel Boutique Vilavella. DS
photo_camera Alfonso Rueda durante a visita ao Hotel Boutique Vilavella. DS

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu a contribución do sector hoteleiro á hora de consolidar Galicia como un destino puxante e referente do turismo sostible durante a inauguración do Hotel Boutique Vilavella do Grove, do cal destacou a súa aposta pola calidade e a tradición, a excelencia e a posta en valor da identidade galega, nun acto que tivo lugar durante a xornada deste vernes.

O titular da Xunta enxalzou o bo momento que atravesa o sector turístico, ao rexistrar récord de turistas, chegando aos 3,7 millóns de viaxeiros, e de pernoctacións, con preto de 7 millóns de noites, nos primeiros sete meses deste 2023. Unhas cifras que son especialmente relevantes tendo en conta que o pasado ano foi Xacobeo e de máximos históricos.

Neste sentido, Alfonso Rueda manifestou a necesidade de seguir traballando para mellorar a oferta turística e manter a Galicia como un destino atractivo. Un obxectivo ao que pretende contribuír a nova edición do Bono turístico para impulsar as escapadas internas este outono e tamén o reforzo de áreas concretas como a do Grove, con plans para impulsar a vila como destino gastronómico ou a revitalización da ruta xacobea marítima que pasa polo porto local.