Turismo asumirá a xestión do Albergue de Carril "cando o Concello solucione as deficiencias"

Dende a Xunta aseguran que "o edificio sofre de graves problemas de remate e de humidades que é preciso arranxar para que o edificio poida funcionar"
José Manuel Merelles. DP
photo_camera José Manuel Merelles. DP

A resposta da Xunta de Galicia non se fixo esperar no tanto do caso do albergue de Carril. Tras as declaracións de Alberto Varela, nas que esixía ao ente autonómico a inclusión de este lugar na Rede Pública de Albergues, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, avanzou este venres que a Xunta colaborará na posta en marcha do albergue de peregrinos de Vilagarcía de Arousa e asumirá a súa xestión, "sempre e cando o concello solucione as deficiencias que actualmente presenta e das que é coñecedor".

"Tal e como está agora é inasumible, o edificio presenta numerosas deficiencias que impiden que agora poida entrar a funcionar”, explicou Merelles. “Non se trata de que falte o mobiliario ou as cociñas, é que presenta problemas estruturais, de cuberta e de humidades que é preciso reparar así como rematar o exterior e moitas outras cuestións relativas ao subministro eléctrico”, tal e como se recolle nun informe técnico elaborado polos técnicos da S.A Xacobeo trala visita realizada en febreiro deste ano. 

O director de Turismo de Galicia asegurou que desde a Xunta se colaborará na posta en marcha do albergue de peregrinos de Carril e se asumirá a súa xestión, pero é preciso que o edificio estea en condicións. Neste sentido, Merelles destacou que a construción do edificio se fixo sen remitir o proxecto, sen contar coa opinión dos técnicos da Xunta, e sen criterios obxectivos de necesidade de atencións aos peregrinos.