O peche do XXV ForoAcui e a música marcan o segundo día do Marisco

O Auditorio Municipal de O Grove acolleu durante a mañá a segunda e derradeira xornada do evento de debate e divulgación dos fondos marinos e a acuicultura galegas
Xornada inaugural da Festa do Marisco 2023. DAVID FREIRE
photo_camera Xornada inaugural da Festa do Marisco 2023. DAVID FREIRE

A LX Festa do Marisco do Grove arrincou e comeza a acadar "velocidade de cruceiro". Despois da súa exitosa inauguración deste xoves, na que milleiros de persoas non só galegas, senón sobre todo chegadas de moitos puntos de España e do estranxeiro se achegaron ao municipio meco, a xornada deste venres ofrece un completo programa. Un programa que vén marcado pola divulgación científica, a música e baile tradicionais e propostas electrónicas ata a madrugada. 

Durante toda a mañá, o Auditorio Municipal de O Grove acolleu a segunda e derradeira xornada do ForoAcui, o evento de divulgación e debate sobre os fondos mariños e a acuicultura nas rías galegas. A mañá comezou coa mesa de traballo sobre os 25 anos de produción piscícola en Galicia e continuará co debate sobre o último medio século de acuicultura. Ás 13.00 horas faíxose entrega das Mencións de Honra e media hora despois, do XVIII Premio al mejor póster y audiovisual.

Tras o peche da sesión no Auditorio, o XXV ForoAcui terá un acto máis: o XXXV Ciclo Cultivando o Mar, no que se analizarán os retos presentes e futuros do mexilón en Galicia. Será, a partires das 20.00 horas, na Sala das Cunchas do Concello.

Mentres, na Carpa institucional terá lugar a charla sobre a Sostibilidade no proceso creativo e aproveitamento dos desperdicios para crear novos produtos, impartida por AWA.
A maiores, a partires das 19.00 horas, a banda Paradanda-Mecos protagonizará no Cargo o Festival de música e baile tradicional, co que achegará a cultura enxebre non só aos grovenses, senón a todos os visitantes doutras partes do mundo que se achegen neste día á península do Salnés.

Será tamén ás 19.00 cando as casetas abran na quenda de tarde, despois de que pola mañá a Carpa degustación comezara a funcionar a partires das 11.30 horas.
Por último, unha vez pechen as caixas para adquirir os billetes cos que degustar os produtos do mar, a actividade trasladarase á Carpa de concertos. Alí, as mesturas de DJ Payca e Djow Trece farán bailar a todos os presentes. Entre ambos os dous djs, o músico e actor Leïti Sène ensinará o seu talento no rap. Deste xeito, O Grove pechará a segunda xornada da súa LX Festa do Marisco no que será a entrada ao primeiro fin de semana dun evento referencia internacional.