O Marisco acada un récord na primeira fin de semana con 66.566 tickets vendidos

Segundo os primeiros datos, as máis de 30.000 persoas que visitaron o Marisco estes días chegaron de diversos puntos de Galicia, practicamente todas as comunidades de España e de máis dunha ducia de nacionalidades
O VII Encontro de Scooters congregou a uns 250 participantes. DS
photo_camera O VII Encontro de Scooters congregou a uns 250 participantes. DS

Récord na primeira fin de semana da Festa do Marisco do Grove, cun resultado que converte a esta LX edición nunha "referencia do turismo desestacionalizado", tendo en conta os datos de venda de tickets, cunha estimación inicial de 66.566 unidades, e o reconto de visitantes nos primeiros catro días de celebración, que rolda as 30.000 persoas. Así o explicou o alcalde, José Antonio Cacabelos, quen inicidiu en que "esta Festa do Marisco está a permitir manter a actividade do noso sector turístico e hostaleiro ata ben entrado outubro, cando antes en setembro baixaban a persiana case ata Semana Santa", asegurando que as estampas das últimas xornadas foron un "nunca visto" no municipio.

"Estamos a lograr que a xente se achegue á provincia e á comarca de xeito específico para vivir a Festa do Marisco. E iso redunda nos beneficios para O Grove, pero tamén para o resto de localidades da súa contorna", valorou o alcalde, para quen "o bo tempo de xeito tan continuado a estas alturas de outubro está a axudar", pero non é o factor chave. "Xa hai moitos grupos que teñen contratada a visita desde hai meses, faga o tempo que faga", garantiu.

Bailes tradicionais este domingo. DS
Bailes tradicionais este domingo. DS

Segundo os primeiros datos, as máis de 30.000 persoas que visitaron o Marisco estes días chegaron de diversos puntos de Galicia, practicamente todas as comunidades de España e de máis dunha ducia de nacionalidades. Así, ao peche do turno de comidas deste domingo, xa se superaran todos os datos de vendas de tickets dende que hai rexitro. Neste sentido, a falta da quenda da noite, as caixas da carpa degustación rexistraron ao mediodía 66.566, que se traduce nun 44% das unidades facturadas nas caixas en toda a edición do 2022, o que equivale a que en seis quendas de comida (noite do xoves, día e noite do venres, día e noite do sábado e día do domingo) case acadaron á metade do volume do ano anterior, que contou con tres días máis de festa.

No que respecta á xornada do domingo, entre a programación destacou o VII Encontro Internacional de Scooter Clásicas, que ateigou o municipio destes curiosos vehículos nun encontro no que participaron case 250 motoristas, o maior número de afeccionados ás motos que se rexistrara ata a data.

Case de xeito paralelo ao inicio da ruta que percorreu O Grove comezaba na Praza do Corgo a actuación da Asociación Cantodorxo, de baile tradicional. Pequenos e maiores ofreceron unha mostra das súas habilidades nunha disciplina que axuda a volver a conectar coa cultura enxebre galega, chave na razón de ser da Festa do Marisco. Tamén foi a quenda das dornas a remo, en cuxo evento o alcalde entregou o premio aos deportistas de ‘A Torre’ e ‘Dorneiros Rejateiros’, que compuxeron o equipo gañador da proba, por diante da Dorna Meca, Club Mariño do Salnés e Escola da Illa.

Actividade de xogos tradicionais infantís o domingo. ds
Actividade de xogos tradicionais infantís o domingo. ds

Os xogos populares e obradoiro sobre táboas de surf de madeira impartido por Camiño do río marcaron as horas previas ao concerto de Fillas de Cassandra, no que se agarda un gran ambiente para desfrutar do binomio galego, convertido nunha das agrupacións emerxentes grazas ás súas reivindicativas letras feministas e mestura de ritmos urbanos e música tradicional.

Programa do luns: Obradoiros artesanais e actuación de Os Firrás

Despois do gran inicio de Festa do Marisco, O Grove pausará o seu ritmo neste comezo de semana. Máis aló da actividade habitual nas caixas e stands de venda de produto do mar e na Carpa cafetería coas sesións musicais ás 13.00 e ás 17.00 horas, a carpa institucional focalizará boa parte da atención coa realización de dous obradoiros.

Pola mañá, de 12.00 a 13.00 horas, Ruxe ensinará a confeccionar pulseiras con cunchas ás persoas que se acheguen e teñan máis de 6 anos. Pola tarde, de 17:00 a 18:00 horas, Bagbooks ofrecerá unha clase de iniciación ao bordado a man.

Pola noite, ás 22.00 horas, será a quenda da carpa de concertos, que acollerá a actuación da Asociación Cultural Musical Os Firrás. A agrupación grovense interpretará música de todo tipo para que persoas de todos os públicos desfruten dunha boa noite de luns na Festa do Marisco do Grove.