A Festa do Marisco supera as expectativas co mellor inicio da súa historia

Na primeira noite, dobrouse o número de tickets dispendidos con respecto á inauguración do 2022
ForoAcui na Festa do Marisco de O Grove. DS
photo_camera O celebración do ForoAcui centrou a actividade na mañá deste venres. DS

A LX Festa do Marisco do Grove superou as súas propias expectativas. A apertura das casetas de venda o pasado xoves e a quenda de comidas do venres achegaron á vila grovense a milleiros de persoas, como se puido comprobar nas nutridas ringleiras que se formaron para degustar algunha das 23 variedades de produtos locais. Foi, polo tanto e sen ningunha dúbida, o mellor inicio da historia da Festa do Marisco.

De feito, na primeira noite dobrouse o número total de tickets dispensados con respecto ao mesmo día da edición do ano pasado. Ademais, tan só na quenda do mediodía, onte xa se tiña contabilizados máis billetes que en toda a xornada de venres do 2022. O polbo, as zamburiñas e as vieiras foron os produtos máis demandados, coa novidade no menú da empanada de choco con boa acollida entre os comensais.

Os comensais chegaron de diferentes puntos de Galicia, de todos os recunchos de España e dun elevado número de países. A Oficina de Turismo superou as súas previsións de solicitude de información e atendeu a xente dunha ducia de nacionalidades diferentes tan só nas primeiras horas. Portugal, Reino Unido, Alemaña e Francia foron as orixes de procedencia máis habituais, pero polo punto de atención tamén pasaron xa visitantes de Países Baixos, Bélxica, Suiza, Hungría, Colombia, Canadá, Estados Unidos ou mesmo Australia. 

Neste sentido, destacou o incremento de turistas belgas e neerlandeses. Un dato que non é menor, pois son dous dos puntos de procedencia nos que O Grove presentou a súa Festa do Marisco nos derradeiros anos (2022 e 2019, respectivamente). 

Festa Internacional

Precisamente esta presenza cada vez máis importante de visitantes chegados do resto de España e de todas as partes do mundo supón o pulo definitivo para que O Grove busque acadar o recoñecemento da súa festividade máis senlleira como festa de interese turístico internacional. Deste xeito, segundo anunciou o propio alcalde, José Cacabelos, a intención do grupo de goberno local é elevar o trámite ao Ministerio de Industria, Turismo y Comercio unha vez remate esta edición para que a LXI Festa do Marisco do Grove, que se celebrará no 2024, sexa a primeira coa distinción de carácter mundial. 

ForoAcui

Fora do centro neurálxico da festa, o Auditorio do Grove tamén acolleu a segunda e derradeira xornada do XXV ForoAcui. O certame divulgativo acadou o cuarto de século e celebrouno cunha edición moi especial e preto de 200 persoas inscritas, moitas delas do estranxeiro.

A Consellería do Mar, Salvador Cárdenas, Alfredo Fernández, Ricardo Figueiro, Alejandro Guerra, Mónica Izquierdo, César Lodeiros, Rosa Martín, Elisa Polanco, Javier Remiro, Belén Rodríguez e Fernando Sanz foron as entidades e persoas recoñecidas na parte final dun Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas que deixa unha bagaxe científica de más de 630 relatores convidados, más ide 600 carteis e vídeos publicados, 24 libros publicados e preto de 10.000 páxinas.

Programa do sábado
A regata de domas ‘a vela’ e a proxección do documental Mulleres do mar (na Carpa Institucional), a partires das 12:00 horas, marcará o comezo dun sábado que continuará coa estrea das sesións ‘de día’ na Carpa cafetería, os xogos tradicionais infantís, concurso de pratos de mexilón e o concerto de zarzuela. Un sábado que rematará co concerto de La Casa Azul a partires das 23:00 horas.