A Festa do Marisco pecha o mellor día da súa historia con 28.196 racións vendidas

Bar Peirao, Teatro Enxebre, Carlos Besada e Lara Lois recibiron as 'Centolas de Ouro' pola súa positiva contribución social, cultural e deportiva
Imaxe da celebración das Centolas de Ouro duranta a LX Festa do Marisco de O Grove. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Imaxe da entrega das Centolas de Ouro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A chegada da chuvia non impide que a LX Festa do Marisco do Grove xa estea por riba, tanto en números como en sensacións, da edición de 2022. Por exemplo, pechouse o xoves (Día do Pilar) como o mellor día da historia deste evento con 28.196 racións despachadas.

O prato estrela segue a ser o arroz de marisco, con máis de 7.800 racións vendidas, seguido do polbo á feira e as navallas. A tarta de queixo xa está por riba das filloas, os doces preferidos ata o dagora. Máis de 1260 petiscos deste produto feito a base dos lácteos D.O San Simón e Arzúa.

No acto máis relevante do día, fíxose entrega das Centolas de Ouro, que recaeron no Bar Peirao, Teatro Enxebre, Carlos Besada e Lara Lois, decisión unánime por parte do Consello Local de Turismo pola súa positiva contribución social, cultural e deportiva.

Esta lista inclúe tanto persoeiros que rematan a súa vida profesional como figuras como Carlos Besada, todavía en activo, e cuxa galería é desde fai unha década toda unha referencia dentro e fóra das fronteiras do Grove. O artista colga algunha das súas obras no Parlamento Galego.

O deporte estará representado por Lara Lois, primeira galega en proclamarse campioa de España de XCO, cunha recompilación de títulos envexable e á que moitas e moitos xa chaman ‘raíña do ciclismo’.

No que a colectivos se refire, tanto o Bar Peirao como Manolo Folgada tiveron os seus honores. Este último xubilouse o pasado mes de agosto. Esta centola de ouro supón acabar unha carreira ‘eterna’ da mellor maneira.

O alcalde, José Antonio Cacabelos, quixo darlle os parabéns «a todos os que integran esta relación de premiados, que nos seus eidos, supoñen individual e colectivamente unha aportación sen parangón á sociedade».

Pola noite, Pablo Lesuit, Sidonie e Nanein DJ tomaron parte para poñerlle a banda sonora a este chuvioso venres. O galego plantouse co seu estilo persoal e independente nunha carpa de concertos para executar temas dos seus discos Belorizonte ou Tiempo, con himnos como Hojas del Campo, Cuerpos, Con el viento ou Hasta que me creas.

Quenda para os cataláns de Sidonie, este grupo indie rock fundado no 1997 e cancións tan míticas como ‘arreteras infinitas, Fascinados, El peor grupo del mundo, Te quiero o El verano del amor. A electrónica de Nanein DJ pechou este 13 de outubro da LX Festa do Marisco do Grove.

Feira de Oportunidades

O comercio local do Grove cambia os seus habituais puntos de distribución polo aparcamento da praza do Corgo tamén este sábado 14 de outubro, derradeiro día para encher de calzado, téxtil, peletería, artesanía, óptica, deportes e moito máis a Feira de Oportunidades Grovestock.

Participan: Mi casita del árbol, Dolce piel, Viento en popa, Óptica Veo Veo, Blossom, Spinnaker, A meca piel, Sheila, Amare, Calzados CYC, 5ª Avenida, Lolitos, Clake, Bambi, D. Tarrío Bolsos, Diane Futura e Félix.

Programa do sábado

O evento festivo que se desenvolve no Grove ten para a xornada de sábado como pratos principais as actividades infantís, os concertos de Lontreira, La La Love You e Manu TF e a Noite meiga coa gran queimada a partir das 23.30 horas. Durante todo o día, gaiteiros e cabezudos de Gogue a cargo de Paradanda-Mecos amenizarán a xornada.