A Festa do Marisco continúa con Grovestock, o folclore e a maxia de Ana Moura

A empanada de choco da ría, que ‘debuta’ nesta LX edición, aséntase como o gran éxito dentro do menú ofrecido na celebración do Grove 
Ambiente na xornada de xoves na LX Festa do Marisco de O Grove. DS
photo_camera Ambiente na xornada de xoves na LX Festa do Marisco de O Grove. DS

A LX Festa do Marisco do Grove encara a súa derradeira fin de semana con diversos eventos e actividades como a inauguración da Feira de Oportunidades Grovestock, que estará despregada ata o vindeiro día 14 de outubro; o folclore galego, coa gran escena ofrecida por centos de persoas que se ataviaron co traxe tradicional da nosa cultura; os xa afianzados xogos tradicionais para a rapazada; un obradoiro de transferencia de imaxes a cargo de Selebrities e Laura Triñanes e os concertos de Cinco en Zocas e a cantautora lusa Ana Moura, que fixo maxia unha vez máis para deleite das máis de 4.000 persoas que asistiron ós concertos no Grove neste día festivo.

Entre outros temas que se puideron escoitar, estiveron como non Leva-me aos fados, Tens os olhos de Deus, Até ao verão, Andorinhas, Cantiga de abrigo ou Jacarandá. Ana Moura é unha das cantantes de fado máis relevantes da súa xeración, sendo récord de vendas de discos en Portugal. Iniciou a súa carreira en 2003 e deuse a coñecer en televisión xunto a António Pinto Basto, no programa Fados de Portugal. Acadou o sexto disco de platino con Desfado ao vender máis de 90.000 copias só no seu país. Estivo durante máis de 207 semanas consecutivas no ‘top’ de escoitas.

En canto á gastronomía, a empanada de choco da ría, que debuta nesta LX edición, aséntase como un dos pratos con máis éxito dentro do menú que ofrece esta festa, e xa supera as 6.000 racións vendidas. A tamén nova tarta de queixo, feita con produtos do país. San Simón e Arzúa, está á cabeza duns doces que conquistan as filloas, o preferido polo público.

Por outra banda, o comercio local do Grove cambia os seus habituais puntos de distribución polo aparcamento da praza do Corgo durante os días 12, 13 e 14 de outubro para encher de calzado, téxtil, peletería, artesanía, óptica, deportes e moito máis a Feira de Oportunidades Grovestock, que desde primeira hora gozou dunha gran aceptación do público tanto local como visitante.

Participan: Mi casita del árbol, Dolce piel, Viento en popa, Óptica Veo Veo, Blossom, Spinnaker, A meca piel, Sheila, Amare, Calzados CYC, 5ª Avenida, Lolitos, Clake, Bambi, D. Tarrío Bolsos, Diane Futura e Félix.

Para este venres está previsto que se celebre a gala de entrega das Centolas de Ouro 2023 no Auditorio do Grove, así como os concertos de Pablo Lesuit e Sidonie, a amenización de ambiente por parte do grupo de gaitas Cantodorxo durante a tarde e os obradoiros de elaboración de carracucas con moldes e ‘Casas mecas’.