O ex patrón maior de O Grove, Francisco Iglesias, será candidato á Alcaldía polo Partido Galeguista

Entre os seus proxectos atópase o PXOM ou os problemas e demandas nas instalacións deportivas, culturais e sociais
O candidato polo Partido Galeguista, Francisco Iglesias Prol. DS
photo_camera O candidato polo Partido Galeguista, Francisco Iglesias Prol. DS

O que fora patrón maior de O Grove, Francisco Iglesias Prol, vén de ser elixido pola executiva nacional do Partido Galeguista como coordinador para a ría de Arousa, e nomeado candidato para a Alcaldía de O Grove.

Para Iglesias, "é unha honra formar parte dunha iniciativa política na que Alfonso Manuel Daniel Rodríguez Castelao é o noso referente no ideario, dos galegos e galegas para a Galiza que tod@s desexamos. Quero destacar, en primeiro lugar, que nestes momentos estamos formando un equipo de persoas para desenvolver o noso proxecto, que fundamentalmente está baseado en un traballo de escoita e intercambio a través de diferentes reunións con distintos sectores sociais, económicos, culturais, deportivos e empresariais da nosa vila", asegurou.

O candidato asegurou entender a acción política "dende o punto de vista da participación cidadá, e non só como un mero discurso, senón como algo real que debemos ter en conta.
Sen ese concurso e apoio cidadá é moi difícil que calquera proposta ou ideas saian adiante. O que imos propoñer é un proxecto  donde cabemos todos e todas", explicou.

Dende o punto de vista persoal, salientou, "non veño para repetir os mantras dos políticos ao uso, eu entendo a política como un servicio público, pero real e verdadeiro. Veño avalado pola experiencia do traballo a nivel de xestión e desenvolvemento de moitas accións na confraría de pescadores ao longo de vinte anos", lembrou. Neste sentido, Iglesias fíxose cargo da confraría en 1993, que "naquel momento estaba fechada e cunha débeda desorbitada. Con moito traballo logramos amortizar ese descalabro económico e convertela nunha gran organización de primeiro nivel, desenvolvendo proxectos de tipo produtivo, turístico e  sociais, entre outros, e sendo pioneiros en plans de desenvolvemento de recursos específicos como a extracción de navalla a mergullo con aire, plan de extracción de ourizo, a legalización do garfo (horquilla) e tantos outros", 

Para o candidato, "o traballo en equipo é esencial, e sempre que calquera logro ou propósito se faga realidade, teño clarísimo que será consecuencia e froito dese traballo en equipo de cada un dos e das compañeiros que estiveron e estarán aí. Por iso dende o PG de O Grove estamos xuntando e sumando todo o talento que poidamos do pobo para poñer un rumbo e non parar ata conseguir os obxectivos marcados". Entre os seus proxectos atópanse "impulsar e sacar adiante as ideas e necesidades que nos están demandando os cidadáns nestes momentos, así como outras débedas históricas que ano tras ano seguen aí sen levarse a cabo, tales como o tan anhelado PXOM ou os problemas e demandas nas instalacións deportivas, culturais e sociais do noso querido O Grove", finalizou.