Emgrobes adica o Nadal aos máis pequenos con tres grandes festas infantís

O pavillón municipal acollerá a festa pre badaladas que terá lugar este sábado, 31 de decembro, con inchables, música e animación para os máis pequenos
Ambiente durante a festa infantil a cargo de Javi Solla. DS
photo_camera Ambiente durante a festa infantil a cargo de Javi Solla. DS

Emgrobes continúa levando a cabo todas as actividades de Nadal que tiña previstas. A pesar do mal tempo, a asociación de empresarios de O Grove optou por seguir adiante coa ilusión do Nadal, no que os verdadeiros protagonistas este ano serán os máis cativos, polo que a rúa Castelao contará o día 23 coa presenza de Papá Noel, acompañado de animación musical a cargo de Discoteca Móvil, e con detalles e agasallos para os máis pequenos. 

O día 28 o Dj local Javi Solla conseguiu que moitos nenos desfrutaran da súa música, coreografía e xogos na Alcea Comercial da Toxa e,como colofón, grazas á colaboración do Concello, organizarase unha gran festa pre badaladas este sábado 31 pola mañá a partir das 11.00 horas que, como consecuencia da previsión de choivas, trasládase ao pavillón municipal do Monte da Vila, onde haberá inchables, música, e o reparto de doces para facer un ensaio xeral das uvas cos máis pequenos, ademais dunha sorpresa especial a cargo do presentador.

Todos os nenos e nenas que queiran pasar un Fin de Ano diferente poden acudir a partir das 11.00 horas ao pavillón municipal para desfrutar dunha gran festa de Nadal, na que tamén colabora a Xunta de Galicia.

Ademáis dos sorteos, dos que xa se levou a cabo o primeiro, premiando 15 cartas de Papá Noel con 15 lotes de material escolar que se repartiron entre diferentes establecementos participantes, aínda se pode participar nos sorteos dos vales de compra ata o 7 de xaneiro.