A Deputación investirá case 770.000 euros para mellorar estradas de Vilanova e O Grove

▶ As obras na EP-9101 e na EP-9702 contarán cun prazo de execución que non superará os seis meses, e facilitarán a mobilidade peonil
A presidenta da Deputación, Carmela Silva. DAVID FREIRE
photo_camera A presidenta da Deputación, Carmela Silva. DAVID FREIRE

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu este venres luz verde ao investimento dun total de 769.117 euros para adxudicar obras de mellora en dúas estradas provinciais en Vilanova e O Grove, como son a EP-9702 e a EP-9101, respectivamente.

Ditas obras estarán financiadas de xeito total polo ente provincial ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 e, no caso da que se levará a cabo no trazado O Grove-Igrexa de San Vicente, suporán crear unha senda para os peóns de 2,5 metros de ancho para facer a zona máis accesible, cun prazo de execución de seis meses para completar a totalidade do trazado, de 1.500 metros. Tamén se separará a beiravía e a senda e, para ela, a Deputación destinará unha suma de 511.779 euros. Neste sentido, tal e como explicou a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, os traballos lévanse a cabo, como vén facendo nos demais concellos da contorna, seguindo os principios de mobilidade sostible e con prioridade para as persoas, que marcan a liña das actuacións en vías públicas por parte do ente provincial.

Nesta mesma liña, a actuación en Vilanova suporá catro meses de obra para conseguir mudar a funcionalidade da EP-9702. Para isto, a firma que resulte concesionaria da obra procederá a construir unha senda peonil na marxe dereita da vía, que conta con 810 metros de extensión, e que abranguerá dende a zona recreativa das Sinas ata o aparcadoiro da praia, segundo detallou a presidenta da Deputación.

Esta obra contará cun orzamento sensiblemente inferior á que se levará a cabo no municipio de O Grove, con 257.338 euros, debido á súa extensión, se ben contará coas mesmas características: unha anchura mínima de 2,5 metros para garantir a seguridade peonil e facilitar a mobilidade nunha zona na que se atopa o acceso ao areal.