O Concello xa traballa na 60ª edición da Festa do Marisco

Coa presente edición aínda en marcha, xa se comezaron os preparativos da Festa do 2023
(_LO_6300.JPG) Festa do Marisco O Grove
photo_camera (_LO_6300.JPG) Festa do Marisco O Grove

O Concello do Grove aínda non despediu a edición do 2022 da Festa do Marisco e xa está a poñer a vista no ano que vén. Agardan facer, da que será a sesaxésima celebración do evento, unha festa para o recordo.
Unha das pinceladas que podemos ir coñecendo polo momento é a proposta, que se está valorando, para aumentar os pratos para incluír nos stands das Carpas de Degustación. 

Este pasado domingo a cociñeira Lorena Moldes, do Pan de Millo, elaborou unha primeira receita da cal se estudará a súa inclusión na vindeira edición, que é o cangrexo real á tixola. Tamén se valorou a opción da inclusión do lumbrigante á prancha.

“Allo, pementa branca, un bo viño albariño Rías Baixas, unhas follas de loureiro e fumé de peixe, son os ingredientes empregados nesta receita para a preparación do Cangrexo Real” indicou Lorena Moldes.

Se por algo se caracteriza a Festa do Marisco é pola súa capacidade de innovación, introducindo todos os anos diferentes propostas, xa sexan de carácter gastronómico, como de ocio e cultura, tentando que cada nova edición sexa un pouco máis atractiva que a anterior.

Segundo apunta o alcalde, Jose Antonio Cacabelos, “aínda non rematamos esta Festa do Marisco, pero xa temos o horizonte posto no ano seguinte, xa que un evento desta magnitude require unha profunda preparación que abarca case os 365 días do ano”.

“No 2023 a festa celebra a súa edición número 60, un número especial, polo que xa estamos traballando para introducir novos elementos, tanto gastronómicos como de ocio, que sigan facendo do marisco a celebración turística do mes de outubro en Galicia, e mesmo en España,” engadiu o rexedor. 

Cartel da LX Festa do Marisco do Grove

O luns rematou o prazo para a presentación de propostas para o concurso de carteis da edición número 60 da Festa do Marisco. En total, recolléronse 19 candidaturas, das que sairá unha gañadora.

Hoxe o Consello Local de Turismo reunirase para elixir un gañador ou gañadora, que será a imaxe da Festa para o ano 2023.

O veredicto farase público o mércores, 12 de outubro ás 13:30 horas na Praza do Corgo, na Estatua homenaxe á familia mariñeira.