Alfredo Fernández, Miguel Besada, Hotel Louxo La Toja e BDRI, Centolas de Ouro 2022

A gala celebrarase este venres, ás 20 horas, no Auditorio do Grove
Centolas 2019 2
photo_camera Imaxe de Gala das Centolas de Ouro de 2019. DP

O Grove celebra o venres a entrega de premios das Centolas de Ouro 2022 no Auditorio. Estes galardóns distinguen a persoas, entidades, asociacións e diferentes colectivos que signifiquen o recoñecemento, ou ben do municipio, ou ben da Festa do Marisco. Por primeira vez desde a existencia destes premios, o xurado encargado de designar aos premiados, o Consello Local de Turismo, elixiu a todos os galardoados por unanimidade. Estes son:

Miguel Besada é un dos veciños máis coñecidos de toda a vila do Grove. Peza chave na Coral Polifónica da Cofraría de Pescadores de San Martiño, é unha das persoas máis proactivas que con maior participación en diferentes actos que repercuten na vida diaria da veciñanza do Grove. Ademais, frecuentemente colaborou co desenvolvemento e o crecemento da Festa do Marisco.

Alfredo Fernández será recordado por ser o fundador de moitos proxectos como Acuavisión, Acquarium Galicia ou Insuíña e diferentes proxectos que teñen no mar e a pesca o seu común denominador. Todos estes proxectos repercutiron positivamente a nivel económico e social no Concello do Grove e na súa comarca.

Hotel Talaso Louxo segue a ser un destino turístico de referencia en toda España, e incluso de Europa, que mantén a esencia de ser un negocio familiar. Con máis de 50 anos de existencia, é un dos puntais turísticos do Concello do Grove.

O BDRI ou Bottlenose Dolphin Research Institute (Instituto para el Estudio de los Delfines Mulares) colocou ao municipio do Grove no mapa mundial no tocante ao estudo dos mamíferos mariños. Esta institución atrae cada ano a investigadores e afeccionados de diferentes partes do planeta e leva a cabo investigacións de gran relevancia a nivel biolóxico como o “Balaenatur”.

O alcalde, José Antonio Cacabelos quxo felicitar a todos os premiados ”e agradecerlles o seu gran labor, que axuda, tanto á Festa do Marisco como ao Concello do Grove a medrar ano a ano en materia de industria, turismo e gastronomía”, manifestou. “Agardamos que estes galardóns sirvan como guía e exemplo para futuras xeracións á hora de implicarse na vida social do Grove,  e incentiven a motivación empresarial da nosa vila, motivando que sigan nacendo proxectos de futuro no noso municipio” concluiu o rexedor grovense.