A Xunta elimina un punto de verquido nunha instalación industrial de Meis

Tras requirirlle aos responsables da instalación a adopción das medidas correctoras oportunas, os técnicos da Xunta verificaron nunha nova inspección o cese do verquido
Un verquido en Meis. DP/ARQUIVO
photo_camera Un verquido en Meis. DP/ARQUIVO

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un verquido de augas residuais procedente dunha instalación industrial asentada no concello de Meis. Este foco foi localizado no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Verquidos, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia.

Os técnicos da Xunta localizaron o punto de verquido nun oco no muro perimétrico das instalacións industriais, a través do cal se producían escorregas de augas residuais industriais cara ao dominio público. As comprobacións realizadas polo persoal de Augas de Galicia permitiron identificar a orixe nunha filtración existente nunha das balsas que constitúen o sistema de depuración.

Ante a deficiencia observada, os técnicos da Xunta requiríronlle aos responsables da empresa a adopción das medidas correctoras oportunas co obxectivo de emendar o foco, procedendo á reparación da filtración que orixinaba o verquido. Os técnicos da Xunta verificaron, nunha nova inspección á zona, a emenda das achegas irregulares ao dominio público.