Vilagarcía prepara unha recepción oficial ao ciclista Martín Rey, vencedor da Volta a Galicia

O concelleiro de Deportes, Carlos Coira, contactou este luns co deportista vilagarciá para trasladarlle os parabéns do Goberno local
Entrada na meta. RAFA FARIÑA
photo_camera Entrada na meta. RAFA FARIÑA

O Concello de Vilagarcía homenaxeará ao ciclista local, Martín Rey, que vén de proclamarse vencedor da Volta a Galicia, converténdose no gañador máis novo da historia desta proba. O recoñecemento a este éxito deportivo terá lugar a vindeira semana e, aínda por pechar a axenda e o programa, consistirá nunha recepción oficial no Consistorio.

O concelleiro de Deportes, Carlos Coira, contactou este luns con Martín Rey para trasladarlle os parabéns do Goberno local e poñer de manifesto "o orgullo que supón para toda Vilagarcía contar cun novo campión que, estando nos inicios da súa carreira, apunta ben alto e de seguro nos agasallará aínda con moitos máis éxitos e alegrías".

Martín Rey xa se ve na vila como o sucesor de Gustavo César Veloso, o ciclista de Bamio que se retirou hai arredor dun ano, razón pola cal a Volta a Galicia lle dedicou a súa última etapa, a celebrada este domingo, na que se proclamou campión Martín Rey.