Sanxenxo respira balonmán

O Sanxenxo Balonmán cumpre tres anos de historia cun incremento exponencial de compoñentes e afianzado como unha das principais alternativas deportivas ao fútbol na comarca do Salnés

 Foto de familia del Sanxenxo Balonmán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Foto de familia del Sanxenxo Balonmán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O balonmán do Salnés ten un novo membro na familia que medra con saúde e forza: o Sanxenxo Balonmán. Con 110 licenzas e dez escadras, nas que están representadas tódalas categorías menos a xuvenil, o club vai consolidándose paseniñamente como unha das principais alternativas deportivas ao fútbol da comarca.

O club arrancou coa súa actividade o 15 de marzo de 2021, no medio dos últimos coletazos da pandemia da covid-19: o que pon de manifesto a vontade e determinación que tiveron os seus creadores para desenvolver o novo proxecto contra as adversidades.

Infantil feminino SB Dislaua. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A receita da entidade ten como ingredientes a promoción do balonmán e a formación dos seus deportistas desde a base. Pero ademais, entre as metas está a relación de harmonía coa súa contorna, con tódolos seus actores: coas institucións, cos pais dos deportistas, cos afeccionados e cos clubs, tanto de balonmán, como doutras modalidades deportivas.

Malia a limitación que lle supuxo, "nos inicios non queriamos coller nenos doutros deportes nin doutros clubs", explica a presidenta da entidade, Silvia Ramírez. "Queremos facer os equipos a medida que os nosos xogadores vaian medrando, non traelos doutros conxuntos. E se vén algún, pedímoslle que antes fale coa directiva do seu club de procedencia".

Benxamín BS Geotecnia Estabiliza. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Benxamín BS Geotecnia Estabiliza. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Na campaña da estrea, tan mediatizada polos efectos da pandemia, a entidade principiou con doce nenos no plantel. "Para nós son os fundadores do club", explica Ramírez,

Aqueles miúdos foron os primeiros en competir, na liga benxamín, a única que entón permanecía coa inscrición aberta.

Alevín BS Visualgal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Alevín BS Visualgal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Meses despois, o club organizou un intenso traballo nas escolas do Concello para darse a coñecer e para seguir co seu proceso de captación, esencial para o crecemento. Dos 12 pasou aos 25 deportistas, que pronto foron bastantes máis. Hoxe, tres anos despois da data de comezo, son xa 110 os que forman parte de dez conxuntos diferentes. Arredor do 60 por cento deles son rapazas.

Nese aspecto mudou moito a cousa con respecto á primeira campaña, na que a categoría infantil só contaba cunha rapaza, que debeu pasar a formar parte do equipo masculino, previa solicitude aos rivais, árbitros e federación. Só un colexiado pareceu estar en desacordo coa iniciativa. Naquel caso, "preferimos perder, que nos quitasen os puntos e seguir xogando".

Infantil masculino SB Cesáreo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Infantil masculino SB Cesáreo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A evolución foi importante tamén canto a calidade. Hoxe, o Sanxenxo pode presumir xa das súas dúas primeiras rapazas convocadas para os adestramentos da selección galega. Un neno formado no club deu o salto ao Cisne e outro foi chamado polo Teucro para a próxima temporada. "É bo para o club e para eles. É unha porta ao futuro o feito de que poidan estar nun club máis forte".

Agora, ademais de ser competitivo en diversas categorías, de contar co equipo infantil feminino vivindo a súa primeira experiencia na Liga Ouro e de pelexar pola final four co sénior masculino en Segunda Autonómica, conta cunha gran familia de seareiros, formada por pais e rapaces que permiten vivir un grande ambiente nos partidos e mostrarlle ao mundo que o balonmán, en Sanxenxo, tamén existe.

Adestradores e delegados do Sanxenxo Balonmán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Adestradores e delegados do Sanxenxo Balonmán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Interrías colaborou coa entidade nos inicios e as empresas dalgúns proxenitores dos deportistas exercen como patrocinadores do club. Pero ademais, eles son unha parte esencial do proxecto, xa que colaboran noutras facetas de intendencia nos partidos, mesmo ofrecéndose como auxiliares ou delegados. Complementan o traballo dos catro adestradores que ten o club, coordinados por Wallace Moreira, técnico brasileiro emigrado a Galicia e xa afincado nas Rías Baixas. El foi, xunto coa presidenta, o pai da 'criatura'.

Ademais da competición e da captación nas escolas, o club organiza un torneo benéfico prebenxamín no que recolle alimentos para colaborar cos servizos sociais locais; no verán desenvolve un campamento con carácter polideportivo e na Semana Santa un campus de tecnificación.

Prebenxamín do SB. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Prebenxamín do SB. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Agora anda á espera de que esta primavera rematen as obras no Pavillón de Vilalonga para ter máis posibilidades loxísticas.