O Pump Track da Florida acolle este domingo o adestramento da selección galega

As actividades do equipo que representará a Galicia no Campionato de España comezarán ás 10 da mañá e rematarán ás dúas da tarde

Infografía completa do pump track da Florida. CEDIDA
photo_camera Infografía completa do pump track da Florida. CEDIDA

O Pump Track da Florida, construído hai uns meses polo concello a petición dos propios afeccionados a esta disciplina deportiva, acollerá este domingo unha xornada formativa da Federación de Ciclismo de Galicia. En total serán 16 os mozos preseleccionados os que acudan a Vilagarcía para participar no adestramento dirixido por Eva Castro, a responsable federativa da especialidade gravity. Os escollidos acudirán ao Campionato de España de Pump Track previsto para o día 22 de outubro en Fraga (Huesca).

Segundo informou a propia federación, o plan de traballo a seguir este domingo nas instalacións cedidas polo concello combinará actividades teóricas e prácticas. Realizaranse exercicios para pulir aspectos técnicos e efectuaranse tomas de tempos. Deste xeito, o combinado da Federación Galega de Ciclismo porase a punto para a que será a súa estrea como Selección no Campionato de España de Pump Track.

Esta especialidade, apunta a FGC, atópase en pleno auxe na nosa comunidade, despois de celebrar este ano a primeira edición tanto da súa Copa como do seu Campionato de Galicia, e este domingo chega a un concello, indica a Federación, que está apostando pola bicicleta: "Á construción do Pump Track en A Florida e á potenciación nos últimos anos da súa rede de ciclovías hai que engadir o éxito acadado o pasado mes de setembro por Martín Rey na Volta a Galicia".

Tanto o presidente da Fundación de Deportes, Carlos Coira, como o concelleiro de Turismo e un dos principais impulsores do circuíto, Álvaro Carou, animan aos afeccionados a achegarse este vindeiro domingo ata a Florida para coñecer máis de preto aos deportistas que van representar a Galicia e, sobre todo, as súas técnicas sobre unha bicicleta BTT.