Máis de 300 persoas da provincia participan esta semana no programa 'Depotermal' da Deputación

Este domingo parten preto de 200 participantes na modalidade de pernoita, mentres que outros máis de 100 inician as saídas diúrnas o luns
Piscina exterior del Hotel Carlos I Silgar. CEDIDA
photo_camera Piscina exterior do Hotel Carlos I Silgar. CEDIDA

Máis de 300 persoas maiores de 50 anos de 30 concellos da provincia gozarán entre este domingo día 19 e o 24 de novembro do programa Depotermal da Deputación de Pontevedra, con estadías no Hotel Carlos I Silgar en Sanxenxo, no Gran Talaso Hotel Sanxenxo, no Hotel Spa Norat Torre Do Deza en Lalín e nas Termas de Cuntis, sendo o último o fixado para a estadía diúrna. Durante a súa estancia poderán desfrutar de actividades de animación sociocultural e de tratamentos gratuítos como sesións monitorizadas de activación muscular e articular, tratamentos dixestivos con augas medicinais, piscina terapéutica, actividades para mellorar a mobilidade e a circulación, combater a dor e a inflamación e reducir o estrés, entre outros moitos.

Deste xeito, este domingo comezan as estadías con pernoita de tres grupos, que estarán aloxados nos establecementos hoteleiros ata o venres 17 de novembro. A primeira destas expedicións, que conta con 90 persoas inscritas dos concellos da Cañiza, A Lama, Baiona, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Gondomar, Nigrán, Poio, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Vigo partirá rumbo ao Hotel Carlos I de Silgar, en Sanxenxo. O segundo grupo, que irá ao Gran Talaso Hotel Sanxenxo, está composto por 57 persoas de Cambados, Cerdedo-Cotobade, Gondomar, Moraña, Nigrán, O Porriño, Tui e Vigo. Por último, 43 persoas dos concellos de Cangas, Catoira, Marín, Meaño, Moaña, Nigrán, O Grove, O Porriño, Pontevedra, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa desfrutarán dunha estadía no Hotel Spa Norat Torre Do Deza en Lalín.