"Y yo, el fruto de su vientre"

O actor e escritor de Meaño Pablo Piñeiro e a campioa de patinaxe sobre xeo madrileña Sara Hurtado asinan a canción Mare, que vén de lanzar o grupo Trébede

 O actor e escritor de Meaño Pablo Piñeiro e a campioa de patinaxe sobre xeo madrileña Sara Hurtado. CEDIDA
photo_camera O actor e escritor de Meaño Pablo Piñeiro e a campioa de patinaxe sobre xeo madrileña Sara Hurtado. CEDIDA

O máis bonito de toda a experiencia, segundo confesa o actor e escritor Pablo Piñeiro, foi ver a reacción da súa nai o día que escoitou o tema Mare, do grupo castellonenco Trébede. "Foi moi lindo ver como se emocionaba". Marisol Taboada puido escoitar a canción en Dena (Meaño) hai uns poucos días, cando Trébede a lanzou. Pero o seu fillo escribiuna pensando nela moito antes, durante a pandemia.

"Sara Hurtado e eu coñecémonos nun videoclip de Fran Perea [artista co que o meañés ten colaborado en diferentes ocasións] en outubro de 2020", lembra o actor sobre o que foi o seu primeiro encontro coa patinadora sobre xeo madrileña, varias veces campioa de España e dúas veces olímpica. "É a mellor patinadora sobre xeo da historia de España", resume Pablo Piñeiro.

;

Naquel momento ela vivía en Moscú e os dous falaban a través de videochamadas. Nesas conversas foi onde naceu a idea de facer cancións xuntos. "Ningún dos dous compuxera un tema antes, pero coincidiu que aos dous nos apetecía probar. Hai que pensar tamén que estabamos en pandemia e buscabamos facer cousas diferentes para entreternos". O actor conta que, en realidade, non sabían ben o que facían e que xogaban a revisar outras cancións que lles gustaban, "a analizar as letras e as estrofas", para ver como era a cadencia e outras características e así aprender.

Unha das ideas que tiveron foi a de compoñer un tema inspirado nas súas nais. A del, Marisol Taboada. A dela, Pilar Martín.  "O resultado quedou no caixón con outras cancións que fixemos".

Tempo despois, Pablo Piñeiro empezou a preparar un espectáculo con dous amigos de Burriana (Castellón): Ángel Cerezuela e Carlos Llop. "Nunha destas, Ángel cóntame que é o road manager dun grupo que se chama Trébede e acompáñoo a facerlle unhas fotos. Cando rematou a sesión, escóitolles comentar que andan buscando unha canción para pechar o seu disco. Así que me ofrezo a pasarlle algunha das que tiña escrita", recorda. "Podes imaxinar que me miraron con caras de escepticismo pero, a mesma noite que lle pasei esta canción, un deles, Ramón [Sebastià], xa ma manda de volta cos seus arranxos". O resultado é Mare, que Trébede acaba de lanzar nas distintas plataformas. "Como ella nadie escucha. Como ella nadie siente. Armadura en mi lucha, y yo, el fruto de su vientre", di o retrouso.