Real Conservera Española, exemplo de aposta por incorporar a innovación no seu día a día

A empresa conserveira está implementando un plan a través do programa InnovaPeme co obxectivo de sistematizar a Innovación, obter o selo de Peme innovadora, incrementar a súa competitividade nos mercados exteriores e optimizar os procesos produtivos
Patricia Argerey e Agustín Reguera acompañados por persoal de Real Conservera Española de Cambados. DS
photo_camera Patricia Argerey e Agustín Reguera acompañados por persoal de Real Conservera Española de Cambados. DS

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitaron na mañá deste martes a empresa conserveira Real Conservera Española en Cambados para coñecer o plan de innovación que están a implementar a través do programa InnovaPeme da Xunta de Galicia.

No período 2023-2024 a peme conserveira investirá preto de 85.000 euros na adaptación da compañía aos novos retos da industria, co obxectivo último de achegar valor tanto aos procesos como aos produtos a través da innovación. En concreto, mediante este plan a empresa sistematizará internamente a innovación, coa creación dunha coordinación e un sistema de vixilancia tecnolóxica; intensificará o plan de formación da empresa incluíndo contidos específicos en xestión da innovación; aspira a incrementar a competitividade en mercados internacionais e a optimizar os procesos de produción, mediante a sensorización dos procesos e a monitorización dos consumos.

Esta liña de axudas contará cunha nova convocatoria en 2024 co obxectivo de seguir introducindo a cultura da innovación no tecido produtivo galego e, es especial, nas pemes e microempresas galegas. 

Real Conservera Española foi unha das vinte empresas beneficiarias de Traza o camiño, un servizo de diagnóstico da madurez dixital e de elaboración de plans de dixitalización individuais para pemes do sector primario galego prestado polo hub de innovación dixital DataLife no marco do proxecto Hub Iberia Agrotech (HIBA), cofinanciado polo Fondo FEDER no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP). Este proxecto, no que participa como socia a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, ten como obxectivo crear un ecosistema plurirrexional para a agrodixitalización a través dos hubs de innovación dixital.