Pedro Blanco supervisa os proxectos e investimentos nos que colaboran o Goberno e o Concello

Analizaron o estado de execución do novo Cuartel da Garda Civil, que está a superar o imprevisto xeolóxico xurdido durante a escavación do terreo
Pedro Blanco xunto ao alcalde de Cambados, Samuel Lago, e varios voceiros da corporación municipal. DS
photo_camera Pedro Blanco xunto ao alcalde de Cambados, Samuel Lago, e varios voceiros da corporación municipal. DS

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, realizou este luns unha visita ao Concello da Cambados, onde mantivo un encontro co alcalde da localidade, Samuel Lago, con quen repasou os distintos proxectos no municipio nos que colaboran ambas administracións. A reunión, que contou coa participación de varios concelleiros e concelleiras do Goberno local, serviu para repasar os proxectos comúns e para afondar nas relacións institucionais entre ambas administracións.

O delegado destacou que a cooperación do Goberno co Concello de Cambados tradúcese en proxectos de mellora da eficiencia enerxética, na extensión da banda ancha de acceso a Internet e na modernización do tecido e da oferta turística local. 

Na reunión avaliaron a situación destes investimentos e o delegado coñeceu os proxectos nos que traballa o Goberno local e que poderían abrir novas vías de colaboración entre ambas administracións. Pedro Blanco trasladoulle ao alcalde de Cambados as liñas de traballo do Goberno en relación á Administración Local e amosoulle a súa disposición a apoiar as iniciativas que presente o Concello nas distintas liñas ministeriais. 

Na reunión, ambos repasaron a situación do proxecto do novo Cuartel da Garda Civil de Cambados, que constrúe o Ministerio do Interior. Esta execución viuse afectada por un imprevisto de tipo xeolóxico que xurdiu durante a escavación dos terreos para botar os cimentos do edificio. Este imprevisto esixe unha modificación do proxecto neste punto, que xa está avanzada. En paralelo, a obra non afectada por esta circunstancia continúa con normalidade.