Martín Códax expande os seus dominios ao concello ourensán de Monterrei

A bodega cambadesa participará cun proxecto de recuperación de viticultura tradicional na aldea modelo de Infesta
Terreos nos que se van asentar os novos cultivos de Bodegas Martín Códax. DS
photo_camera Terreos nos que se van asentar os novos cultivos de Bodegas Martín Códax. DS

Bodegas Martín Códax recibiu a notificación de adxudicación dun total de 76.245 m2 (7,6 has) de terreos repartidos en preto de 100 parcelas, marcando o inicio dun ambicioso proxecto de cultivos leñosos na aldea modelo de Infesta-Monterrei que estará centrado na plantación de viñedos e froitos secos autóctonos.

Con esta iniciativa, Bodegas Martín Códax pretende seguir contribuíndo a xeración de valor e riqueza na rexión de Monterrei, buscando promover o retorno das persoas ao rural e creando espazos atractivos e actividades que fomenten o arraigo da poboación na comarca.

Coa recuperación do viñedo tradicional en Infesta buscan desenvolver un entorno de gran valor paisaxístico centrado na vide e no viño, co obxectivo de fomentar o enoturismo para os veciños e emprendedores que desexen valorizar esta aldea modelo. Outra vantaxe indirecta desta iniciativa é que funcione como barreira protectora para as vivendas contra os incendios forestais, recuperando as paisaxes naturais en torno ás explotacións agrarias e protexendo as zonas forestais frecuentemente castigada polos lumes.

“Non se trata dunha gran superficie de terra polas dimensións agrarias da aldea pero para nós, trátase dunha iniciativa que esta aliñada coa nosa Responsabilidade Social como cooperativa, para contribuír tanto á xeración de valor e riqueza no territorio onde temos actividade como viticultores e adegueiros, como á de inverter a tendencia demográfica das zonas rurais, e crear espazos e actividade atractivas para que haxa persoas que desenvolvan un futuro na comarca de Monterrei” destaca o director técnico de Bodegas Martín Códax, Miguel Tubío.

“Sentímonos orgullosos deste proxecto que Martin Codax desenvolverá no concello onde ten ubicada a adega que ten en sociedade coa cooperativa Terras do Cigarrón en Albarellos, moi preto da aldea de Infesta, xa que será unha contribución mais no camiño de por en valor a riqueza do territorio cun pasado vitivinícola extraordinario, e que está recuperando o protagonismo que merece da man da DO Monterrei e dos viños de godello ademáis de consolidar a comarca de Monterrei coma un destino turístico” engade.