Un arco detector de metais mellora a seguridade nos Xulgados de Cambados

O  director xeral de Xustiza, José Tronchoni, comprobou as actuacións e lembrou que a seguridade está garantida no edificio con todos os efectivos necesarios conforme ao convenio co Ministerio do Interior 
José Tronchoni durante a súa visita ao Xulgado de Cambados. DS
photo_camera José Tronchoni durante a súa visita ao Xulgado de Cambados. DS

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, comprobou na mañá deste martes in situ as melloras levadas a cabo para reforzar a seguridade no edificio xudicial de Cambados, que alberga os 4 xulgados de Primeira Instancia e Instrución, o Rexistro Civil, a Fiscalía e o decanato. Así, instalouse un arco detector de metais no marco das actuacións da Xunta de mellora da seguridade pasiva das instalacións xudiciais. 

Tras a colocación deste tipo de arcos de seguridade na entrada dos edificios xudiciais das sete cidades galegas, o instalado en Cambados é o primeiro do resto dos partidos xudiciais ao que se pretende estender, precisamente polo feito de, entre outras características, contar con 4 tribunais. 

Na primeira fase desta iniciativa instaláronse ou renováronse as cámaras de vixilancia nun total de 16 edificios xudiciais en Galicia. Estas primeiras instalacións realizáronse tanto nos xulgados das sete grandes cidades como nos edificios dos partidos xudiciais das vilas cun maior número de órganos xudiciais como Betanzos, Carballo, Cangas, Vilagarcía, O Porriño, Ponteareas, Tui e tamén Cambados. A continuación, implantáronse cámaras de vixilancia nos edificios dos partidos xudiciais máis poboados e que contan con dous xulgados e, agora, nunha última fase, estanse a estender aos partidos xudiciais cun só xulgado co obxectivo de reforzar a seguridade na totalidade das principais sedes xudiciais en Galicia.

Na súa visita, o director xeral de Xustiza, puxo en valor o traballo da Xunta para priorizar a seguridade nos edificios xudiciais e aclarou que, no caso de Cambados, a seguridade da sede xudicial está garantida seguindo as indicacións da Unidade de Vixilancia dos Edificios Xudicias (UVEX) e conforme o convenio co Ministerio do Interior con todos os efectivos necesarios coas 4 prazas de gardas civís cubertas. Ademais, mantense o reforzo dun vixilante de seguridade en horario de tarde de luns a venres. 

Visita ao xulgado de paz de Ribadumia

Por outra parte, José Tronchoni tamén visitou tamén o xulgado de Paz de Ribadumia, pertencente ao partido xudicial de Cambados, onde abordou co xuíz de paz, José Basilio Castro Pintos, as novidades do sistema DICIREG, a plataforma adaptada ao novo modelo de Rexistro Civil subministrada polo Ministerio de Xustiza, que se prevé que entre en funcionamento en decembro. O director xeral de Xustiza explicou durante a visita que este sistema complementarase cun programa destinado á dixitalización dos libros dos rexistros cívis.