A Xunta mellorará o firme na estrada PO-305 ao seu paso por Vilagarcía

A actuación, que supón un investimento autonómico de preto de 43.000 €, prevé comezarse esta fin de semana, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan
PO-305 en Vilagarcía ao seu paso polo Vento. DS
photo_camera PO-305 en Vilagarcía ao seu paso polo Vento. DS

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mellorará o firme na estrada autonómica PO-305 ao seu paso polo concello de Vilagarcía.  Esta intervención, cun investimento autonómico de preto de 43.000 euros, foi adxudicada á empresa Construcciones López Cao, S.L. e comezará a executarse esta mesma fin de semana, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. 

Trátase de reparacións estruturais e superficiais que permitirán prolongar a vida útil do pavimento da PO-305, no tramo de algo máis de 1,3 quilómetros comprendido entre os puntos quilométricos 4+530 e 5+850 da vía. 

O estado de conservación do firme deste tramo da estrada é, a nivel xeral, adecuado, pero en tramos localizados, principalmente na Travesía do Vento, entre os puntos quilométricos 4+750-4+820, obsérvanse fisuras no pavimento debido, principalmente, ás condicións climáticas e ao elevado tránsito de vehículos pesados. 

Nalgúns puntos concretos obsérvase esgotamento estrutural do pavimento, a consecuencia, entre outras cousas, da acción erosiva da auga ao infiltrarse na sección do firme.

Os traballos que se executarán, en función do dano estrutural que presenta o pavimento neste treito, consistirán no fresado superficial de 5 cm da capa de rodadura con ancho a todo o carril; ou no fresado profundo de 10 cm de espesor na capa de rodadura e na intermedia, cun ancho mínimo de 1,5 metros naquelas zonas máis deterioradas.

Tamén se prevé nestes traballos a reposición da capa intermedia nun espesor de 5 cm, e reposición da capa de rodadura a todo o carril cun espesor tamén de 5 cm, previo estendido dunha rega de adherencia. Ao longo do resto do tramo realizaranse fresados localizados superficiais de 5 cm de espesor cun ancho mínimo de 1,5 metros para a posterior reposición da capa de rodadura.

As obras completaranse co repintado de todas as marcas viarias no tramo de actuación.