A Xunta inicia os trámites de contratación das obras do novo centro de saúde

Os traballos suporán un investimento de máis de 19 millóns de euros ▶ O edificio, que disporá dunha superficie construída de máis de 8.400 m2, formúlase con forma de dobre U, xerando dúas prazas abertas cara á cidade e cara aos viarios
Infografía do novo Centro de Saúde de Vilagarcía. DS
photo_camera Infografía do centro de saúde de Vilagarcía na Comandancia de Marina. CEDIDA

A Xunta de Galicia vén de iniciar os trámites da contratación das obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa, que suporán un investimento de máis de 19 millóns de euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica este luns o anuncio previo desta obra, que tamén recolleu o pasado venres o Diario Oficial da Unión Europea (DOUE). Tras este paso, a Xunta formalizará a licitación das obras nas vindeiras semanas, co fin de poder comezar a execución dos traballos este mesmo ano.

O novo centro de saúde, que disporá dunha superficie construída de máis de 8.400 metros cadrados, formúlase con forma de dobre U xerando dúas prazas abertas cara á cidade e cara aos viarios aos que dá fronte. Estas prazas, convenientemente orientadas e resgardadas, serven de zona de espera protexida e de antesala ao centro de saúde e do PAC, respectivamente.

O Plan funcional previsto prevé tres consultas de medicina xeral máis ata chegar ás 17, 4 máis de enfermaría, ata as 17 tamén; unha máis de pediatría e dúas máis de enfermería pediátrica, ata chegar a 5 de cada. 

As instalacións contarán tamén con 2 consultas en lugar dunha das áreas de: farmacia, traballo social, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia.

Ademais, o centro terá 5 consultas de docencia onde hoxe só hai unha e incorpóranse áreas como a sala de illamento, a consulta do programa da muller, a sala pediátrica integral, as cabinas de tratamento e vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou consultas médicas e de enfermaría para que poidan acudir especialistas do hospital.

Este proxecto enmárcase no convenio asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Vilagarcía de Arousa. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.

Os terreos dispoñibles para a construción do novo centro de saúde sitúanse na avenida da Mariña e foron terreos portuarios da antiga comandancia que poderán ser postos a disposición da Xunta grazas a un protocolo asinado entre Xunta, Concello e Autoridade Portuaria.