A Xunta comeza as obras de mellora do firme na Variante de Vilagarcía

A actuación forma parte do contrato de acondicionamento da capa de rodaxe en cinco estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Salnés e de Pontevedra, cun investimento de máis de dous millóns de euros
variante
photo_camera Actuacións de rehabilitación da estrada nos concellos de Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis. DS

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou este luns 7 de agosto as obras correspondentes ás actuacións de mellora do firme na Variante de Vilagarcía de Arousa (VG-4.7). As actuacións nesta vía forman parte do contrato de acondicionamento da capa de rodaxe previsto en cinco estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Salnés e de Pontevedra, que suporán un investimento de máis de dous millóns de euros

O obxectivo deste contrato é rehabilitar varios treitos das estradas de titularidade da Xunta VG-4.1, AG-4.1, PO-531 e PO-306 no seu transcurso polos municipios de Sanxenxo, O Grove, Barro, Meis, Pontevedra e Poio, e na VG-4.7, por onde comezaron este luns 7 de agosto as obras.

En concreto, nas obras iniciadas na xornada deste luns, os traballos realizaranse no tramo dos concellos de Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis. Tamén se actuará na VG-4.1, Sanxenxo (AG-4.1) – A Lanzada (PO-308), do punto quilométrico 19+400 ao 26+000, no concello de Sanxenxo. 

Na AG-4.1 en Curro, intervirase entre os quilómetros 0+760 e 3+000, discorrendo por Barro e Meis; na estrada PO-531, Pontevedra-Baión, desde o quilómetro 0+000 ao 16+000, nos concellos de Pontevedra, Poio, Barro e Meis; e na PO-316, A Lanzada-Ardia, desde o quilómetro 1+900 ao 4+500, no concello do Grove.

As intervencións, cun prazo de execución de 9 meses, consisten na rehabilitación superficial do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, completándose coa reposición de marcas viarias en todo o treito da actuación, colocación de elementos e reposición de captafaros.