Recuperan dúas figuras de bronce subtraídas dunha marmorería de Vilagarcía

O responsable, que foi interceptado pola Policía Local, agochara os obxectos nun supermercado da rúa San Roque
A Policía Local de Vilagarcía ten que intervir en diferentes actos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA.
photo_camera A Policía Local de Vilagarcía ten que intervir en diferentes actos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA.

A Policía Local de Vilagarcía logrou recuperar dúas figuras de bronce que foran subtraídas durante a xornada deste martes dunha marmorería situada na Praza Arcebispo Lago. O responsable, que responde ás iniciais de F.J.R.C., de 49 anos, foi interceptado cando camiñaba pola rúa San Roque, onde agochara o botín.

O operativo da Policía Local iniciouse tras a denuncia dos propietarios do establecemento que deron unha descrición do autor, e que foi de gran axuda para poder atopalo. Ao verse descuberto, nun primeiro momento negou calquera relación cos feitos e a continuación asegurou que os obxectos roubados foran un regalo e que xa non estaba en posesión deles, afirmando que os vendera. A pesar desta primeira declaración e ante a insistencia dos axentes, o responsable pediulles que o acompañaran ata un supermercado situado na mesma rúa onde, escondidas xunto aos carros da compra, atopábanse as dúas figuras de bronce que foran roubadas. O autor, que rematou recoñecendo o delito, non foi detido, pero deberá responder xudicialmente.