Vilagarcía inviste 358.402 euros na instalación de alumeado público

A empresa Formatesa é a encargada da instalación e subministro de luminarias de tecnoloxía led nas principais vías da cidade
A instalación de tecnoloxías led xa comezou en Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A instalación de tecnoloxía led xa comezou en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O proxecto para subministrar e instalar luminarias de tecnoloxía led nas principais vías de acceso a Vilagarcía de Arousa adxudicóuselle á empresa Formatesa. Cun investimento de 358.402 consistirá na  substitución de 1.039 puntos de luz do alumeado público e na renovación de 28 cadros eléctricos, medidas que permitirán adaptar o alumeado ás esixencias do Reglamento de Eficiencia Energética en Instalaciones de Alumbrado Exterior 2008. A actuación finánciase cos fondos europeos asignados ao programa Vilagarcía Avanza. 

O proxecto ten un prazo de execución de tres meses. Os mil puntos de luz a cambiar distribúense por diversas zonas do municipio. Principalmente nas travesías que dan acceso á cidade, así como nas rúas do centro urbano nas que aínda non se implantaron as luces led. Tamén a zonas da periferia e do rural. Así, actuarase na avenida de Vilanova -dende o límite con este municipio-, en toda a avenida de Cambados, en tramos de Pablo Picasso e Doutor Tourón, así como na avenida Rodrigo de Mendoza. Tamén se cambiará a iluminación do último traxecto da rúa Valle Inclán ata Víctor Pita.

Os traballos afectarán igualmente á avenida Agustín Romero e á de Cornazo ata as bifurcacións coas rúas Santa Mariña e Outeiro. Na avenida de Pontevedra traballarase en varios tramos dende a rotonda de Larsa ata o acceso ao hospital. Tamén se renovará a iluminación no tramo urbano da estrada do Pousadoiro e na PO-548, dende a rotonda de Carril ata a glorieta da circunvalación norte. O proxecto inclúe a substitución de puntos led na urbanización do Piñeiriño e en Fontecarmoa, con tramos das rúas Camilo José Cela, Álvaro Cunqueiro, Julio Camba e zonas do complexo deportivo de Fontecarmoa.

No que ao centro urbano se refire, beneficiaranse desta importante intervención algunhas rúas que aínda contan con alumeado antigo, como Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas e o parque de Arcebispo Xelmírez. No mesmo centro da cidade aproveitarase para renovar puntos de luz en Rey Daviña, Romero Ortíz e parte da rúa Méndez Núñez ata a Praza da Constitución, así como nas rúas Juan García, Valentín Viqueira, A Baldosa e Conde Vallellano.

Igualmente, aproveitarase para actuar en distintos lugares da periferia, como a avenida de Berdón, as rúas Moreira e da Cruz en Cornazo, así como en estradas secundarias e accesos a zonas residenciais da parroquia de Bamio, en concreto dende a gasolineira de Carril ata o cruce coa travesía de Vilar e nas rúas San Xoán, Outeiro, Pedroso e Nogueirido ata o polígono industrial.

Aforro enerxético

Dende o concello declaran que ademais de "modernizar a infraestrutura, este tipo de actuacións de aforro e eficiencia enerxética supoñen un avance no modelo da economía sostible, reducen a contaminación luminosa e axudan a diminuír as emisións de gases a atm osfera e a combater o efecto invernadoiro". Para acadar estes obxectivos, os equipos a instalar contarán cos sistemas de regulación do fluxo lumínico de xeito que se garanta unha uniformidade na iluminación dos viais e se eviten efectos prexudiciais como os deslumbramentos, a luz intrusa ou molesta e ou resplandores. Estas melloras beneficiarán á seguridade viaria. Ademais, ao permitir diminuír a potencia en horas de madrugada, o consumo eléctrico redúcese, e tamén o gasto, co conseguinte aforro enerxético e económico.