A Xunta destina 28 millóns de euros a residencias como o centro Divina Pastora

O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitaron esta mañá o centro de maiores
Visita das autoridades ás instalacións da residencia Divina Pastora de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Visita das autoridades ás instalacións da residencia Divina Pastora de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Residencia Divina Pastora de Vilagarcía de Arousa recibiu esta mañá a visita do alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, da líder do Partido Popular en Vilagarcía, Ana Granja e da xefa territorial de Política Social e Xuventude, María Ángeles Rouco. Durante o acto, a presidenta do centro, María Celina Rey Diéguez, levou ás autoridades por distintas estancias da residencia para amosar as reformas que se están a desenvolver coas axudas da Xunta de Galicia. No acto tamén estivo o párroco de Vilagarcía, Don José.

"Nos quedan aún muchas obras por hacer. Dentro de la residencia nos queda la cuarta planta por reformar y también nos queda toda la primera planta, la planta cero y la menos uno", explica a presidenta. Actualmente as obras de mellora están focalizadas na fachada central, que está na súa cuarta fase.

A residencia ten un total de 102 prazas das cales 54 son prazas públicas e o total de traballadores, entre directos e indirectos, é de 83. María Celina continuou explicando que a quinta planta, que é a única que conservan con balcóns, está pensada para persoas con maior autonomía.

Polo seu lado, Reguera lembrou que ata o nove deste mes de agosto aínda se poden solicitar as axudas correspondentes a este ano 2023 para as que a Xunta contará cun orzamento de 28 millóns de euros. Ao financiamento inicial, que é de 18,5 millóns de euros, súmanse 9,5 millóns en virtude do reparto entre Comunidades Autónomas acordado no Consello territorial de Servizos Sociais. No pasado ano 2022, a Residencia Divina Pastora foi beneficiaria de máis de 160.000 euros.

Nesta liña, o alcalde de Vilagarcía tamén subliñou que o concello e os veciños e veciñas forman parte deste proxecto e que todos buscan o mellor coidado e condicións das persoas maiores. Deste xeito, lembrou que as bonificacións cos orzamentos municipais están destinadas a esta materia.