Máis que unha carreira

O medio maratón Entre Rías quere consagrarse cun espectacular percorrido de gran riqueza paisaxística
La playa de A Lanzada enarbolará un año más la bandera azul. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Foto da praia da Lanzada, por onde pasará a proba. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O medio maratón Entre Rías está chamado a consagrarse no calendario deportivo da comarca de Pontevedra como unha das probas en rota máis atractivas. A I edición da carreira levarase a cabo o domingo 19 de maio e unirá as localidades de O Grove e Sanxenxo para cubrir os 21,096 quilómetros do traxecto. Serán mil os deportistas que tomarán parte na cita, nalgunha das dúas distancias que a organización pon a disposición dos interesados: ademais da longa, a organización estimou oportuno dar a posibilidade dun itinerario algo máis reducido para os corredores coa implantación dunha 10K.

Para os deportistas será unha ocasión moi especial, xa que lles dará a posibilidade de percorrer lugares de grande beleza paisaxística entra a saída no Grove e a chegada en Sanxenxo.

Polo camiño, atravesarán a Illa da Toxa, o centro do Grove e percorrerán a comarca á beira do mar, atravesando zonas de areais míticos como A Lanzada, Foxos, Montalvo ou Canelas, antes do acceso ao centro urbano de Portonovo, por onde atravesarán en dirección á Sanxenxo e, logo de percorreren o paseo de Silgar, chegar á liña de meta situada no Náutico sanxenxino.

A versión curta partirá dun dos lugares máis emblemáticos da zona, a Ermida da Lanzada. A proba comeza con bo pé, ao contar cunha inscrición de arredor dun milleiro de atletas. Ademais, a organización desenvolverá probas atléticas para os máis miúdos no Peirao do Grove. Esas carreiras disputaránse o sábado, a modo de fomento e promoción da actividade atlética para os nenos. Para eles a inscripción será totalmente gratuíta.

Esas competicións de grupos de idade serán no mesmo punto no que se levará a cabo a saída do medio maratón ás 10:30 da mañá do domingo.

A proba terá como aliado as boas condicións do tempo para a disputa de probas de fondo e medio fondo. Malia estar enmarcada nunhas datas do calendario susceptibles de ter elevadas temperaturas, non se agarda que o termómetro supere os 20 graos durante a proba. Ademais, está previsto que a chuvia respecto os deportistas durante a competición.