Xoanqui Ameixeiras: “A cociña é educación”

Coas súas orixes nas artes marciais, converteuse nun dos cociñeiros máis recoñecidos do panorama galego grazas á televisión
photo_camera Coas súas orixes nas artes marciais, converteuse nun dos cociñeiros máis recoñecidos do panorama galego grazas á televisión [VÍDEO: JOSÉ LUIZ OUBIÑA e EDUARDO DE LA PEÑA]
A miña historia
A miña vida foi feliz. Falo do pasado, do presento e vexo o futuro con felicidade. Eu tiven de todo dentro dunha familia humilde. Meu pai era un sarxento da Armada, cun soldo de sarxento e dándolle de comer a tres fillos. Fixen a EXB en Fene, de aí pasei a estudar Artes Gráficas. E acabo en Vilagarcía de Arousa porque cheguei da mili e quería tomar un ano sabático traballando e gastando os cartos nas Rías Baixas. Vivía en Ferrol na época en que Ferrol xa non era o que foi. Lembro a decadencia de Ferrol, os veciños vestidos co mono azul de Astano e de Bazán facendo as barricadas, loitando por unha vida, por un futuro que non se vía nada claro. Traballei na hostalería, estiven de xardineiro, de pintor, e o choio que máis cartos me deu foi ir coller miñoca no verán. Na ribeira en Pontedeume, en Cabañas, e mais na ribeira de Caranza, con 18 anos. Vivía nunha furgoneta ese verán, tipo hippie, de praia en praia, cociñando moitísimo, con amigos sempre. Fixen moito deporte, fixen moito karate, de feito a miña muller é cinturón negro segundo Dan, eu só son primeiro Dan. 

Nunca che faltou de nada?
Vouche dicir por que. Meu pai sempre mo dixo moi claro cando empecei a interesarme polos cartos. Cando eu lle dicía xa non quero estas zapatillas deportivas, quero outras, el preguntaba: ‘E canto valen?’ Oito mil pesetas. El dicía: ‘Non, unhas zapatillas deportivas valen 3 mil pesetas. Ti queres unha marca, eu douche as 3 mil pesetas’. A mensaxe: Para gañarse a vida hai que traballar. Na taberna A Marola, na taberna dos meus pais non tiña soldo, pero nunca me faltou de nada. 

Ves de vacacións e quedas en Vilagarcía?
Veño a Vilagarcía cando remato a mili e o único que tiña eran as artes marciais: xa competía e xa tiña titulación de árbitro, xuíz e entrenador. Empecei a mandar currículos a empresas de artes gráficas e no apartado de “outras actividades” eu puxen “monitor de artes marciais” e dixéronme que na Casa do Mar había un choio que non o quería ninguén. Antes os médicos de cabeceira estaban todos aí, estaba urxencias tamén na Casa do Mar e había moitos problemas coa droga. O choio era de garda de seguridade na Casa do Mar. 

E viviches a violencia?
A mellor violencia é a palabra. Eu nun ano fíxenme amigo de todo canto ‘quinqui’ había por Vilagarcía e canto médico había porque traballaban alí. Cuestión de falar, facer razoar un pouco. Levo 30 anos na Casa do Mar. Teño moita sorte de traballar onde estou. 

Como chegas á cociña na televisión?
Saíu un programa na televisión que se chamaba ‘Desafío nos fogóns’. Tiñas 20 minutos para cociñar unha receita e sorprender e gañar. Dixéronme: cada vez que gañes dámosche mil euros e volves para o seguinte programa. Entrei convencido: de aquí me quitades con espátula, coa falta que me facían os cartos! Estiven catro programas. A partir de aí fichoume na Radio Galega José Manuel García no programa ‘Comer e falar’. Fixo unha sección sobre as lembranzas da cociña que tiña eu, unha sección que se chamaba ‘Na Marola con Xoanqui Ameixeiras’. E despois veu a etapa de ‘Estache bo’. Era un programa de television que non tiña moita audiencia e decidiron facer un novo casting. 

E gañas o casting.
Eu sei o que o galego quere. Gústame moito presumir de Galicia. Teño moito que contar e se me deixan pois teño rato falando de Galicia, do seu produto, da súa cociña. E aí fixen 450 ou 470 programas de ‘Estache bo’. Ese programa cando estaba eu tiña tanta audiencia que teño o orgullo de dicir que foi o primeiro programa diario de cociña que se pasou para as tardes, ás 8 da tarde que é cando hai máis audiencia. Para min foi unha experiencia fantástica.

E despois de ‘Estache bo’?
Fixen un obradoiro na praza de abastos que era de cociña de aproveitamento. Na televisión era media hora eu cociñando e falando sen guión. Pero aquí estás cos veciños, na praza de abastos, coa túa tarteira. O mais bonito é que eran mulleres que deron de comer durante toda a súa vida ás súas familias, e iso era moi chulo.

Por que lle chamas parrochiñas ás xoubas?
As xoubas son aquí pero ti vas para arriba, á zona norte, e que é unha xouba? Non saben. Contaba o outro día na presentación do libro (Receitas para encher o peito) que estiven en Ferrol e alí o da parrocha téñeno naturalizado, pero cheguei aquí, ao obradoiro da praza de abastos, e empecei: ‘A ver limpamos a parrochiña... (ponse a rir). Perdón a xouba, a xouba’. 

Por que dis que o deporte e a cociña foron a túa salvación?
Eu vivía en Caranza, un sitio moi conflitivo, cun nivel de drogas moi elevado. Ir todos os días entrenar para min foi unha salvación. Por iso penso que a alimentación, a hixiene, o deporte... iso para un mesmo, despois educación, humildade e demais. Pero eses tres actos físicos, tes que meter na cabeza que hai que coidalos e hai que facelos diariamente. 

Que diferencias ves entre a xente dos teus mundos?
O corazón meu téñoo en Centroña, unha aldea que está en Pontedeume. Ves toda a ría de Ares alí, é fantástico. Coñezo a xente de Fene onde me criei, a xente de Ferrol onde estiven de adolescente, e á xente de Pontedeume e de Vilagarcía. Entre Pontedeume e Vilagarcía pouca diferencia hai. A xente é moi noble, moi rabuda, moi esixente. A xente de Ferrol é mais individual, fai menos grupo. Actualmente Ferrol está pegando un tirón para arriba impresionante e vólvese a recuperar ese orgullo de ferrolán. É algo que vexo que pasa en toda Galicia.

Como é a xente de Vilagarcía?
É moi esixente. Aquí protéstase moitísimo. Está ben, non somos conformistas. Tamén é xente moi agarimosa, é fantástico como te reciben. 

Por que trouxeches un garfo?
Porque este garfo era do meu pai. Un home que viaxou polo mundo enteiro e sempre levou o seu garfo. 

Xoanqui Ameixeiras para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA 1
Xoanqui Ameixeiras cun garfo e unha imaxe da súa familia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA 1

Que aprendeches dos pais?
A valorar as oportunidades que che da a vida. Do meu pai, a botarlle peito e que non te bote para atrás ninguén. Da miña nai aprendín o cariño. A dicilas cousas tamén. É moi doado dicir as cousas agora detrás dunha pantalla, e seica é máis doado criticar que alabar. Por iso é moi importante dicir ‘que boa persoa es!’, ‘que ben fixeches ese traballo!’, dicir as cousas como son. Non facelo é un acto de cobardía. 

Por que Xoanqui?
Eu chámome Juan Carlos pero era moi normal abreviar Joanqui. Pero o apelido meu é Ameijeiras. Ameixeiras non ten tradución, ou é Ameixeiras ou é Ciruelos, non existe Ameijeiras. E foi cando saíron as redes sociais, había que facer un perfil en Facebook e non quería poñer Juan Carlos Ameijeiras Faraldo. Cando naceu o meu primeiro fillo, Gael, foi Marga ao rexistro e dixo que queríamos cambiarlle o apelido por Ameixeiras, pero dixéronlle que non era posible e que tería que cambiar tamén eu o apelido. Pódese facer e acabarei facéndoo.

No tapa do libro, por que lle miras a un peixe á cara?
Hai que mirar ao produto como é. Nese caso é unha dourada pero eu miro de igual maneira a unha rama de perexil, hai que valorar cada un dos elementos que hai na cociña.

Que é iso da cociña tradicional?
Penso que é unha das mellores cociñas que hai: anos 70, 80, 90. A cociña destes anos está baseada na cociña tradicional cando falamos de grelos ou de pintos e maragotas. Hai cantidade de receitas que son tradicionais e hai algunhas que son intocables.

Por exemplo?
O caldo galego.

Entón de onde ven a túa cociña?
A miña cociña é unha segunda parte das nosas nais e das nosas avoas. A tortilla de berberechos que ves aí (no libro) é a tortilla que levamos feito na Marola de sempre. As ovas de pescada era un produto de descarte  que non vías no restaurante, pero houbo xente que nunca deixou de comelas.

Cociñas como es ou es como cociñas?
Non sei. Apetéceme facer unha deconstrución dunha caldeirada e fágoo. Di Marga que os meus mellores pratos son aqueles que non penso. Cando abro a neveira e vexo que hai sobras. Os mellores pratos moitas veces saen con sobras. 

Que te ofende?
Non me gusta nada que vaias ao restaurante e poñan “Menú infantil” e ves ‘nuggets’ de polo conxelados, croquetas conxeladas, patacas fritas... chámalle fritanga ou a fritanga sideral, pero non poñas menú infantil porque estás educando.

A cociña é educación?
Sen lugar a dúbidas. O padal edúcase. Preocúpame que os pais digan que os fillos non comen froita, que non comen verdura. Non podemos permitir iso. 

Define a Galicia con alimentos.
A pataca, a castaña; o peixe de roca, o pinto, a maragota, as fanecas, o polbo. 

Que te define?
Perdínlle o medo a moitas cousas. Ao único que lle teño medo é a non cumprir cos meus fillos. 


TEST DE VIDA

Unha palabra?
Paciencia.
Un lugar?
A praia de Centroña, hai unha praia que é o Cerrulo que lle chaman jajuai (non Hawai) e para min é o sitio máis bonito do mundo.
Unha persoa?
A miña vida son tres persoas, os meus fillos Nuno, Zoe e Gael.
Unha personaxe?
Calquera persoa que dedica a súa vida para os demais. E agora venme a cabeza Paco o de Cáritas que faleceu hai dous anos ou tres.
Alguén importante?
A miña muller, a miña compañeira Marga, e a miña irmá.
Un obxecto? Unha cousa?
Un barco a vela.
Unha ferramenta?
Unha tixola.
Alguén imprescindible?
Os meus fillos.
Que é a vida?
A vida é algo que hai que aproveitar ata o último segundo. Non se volve a repetir o día de hoxe. A vida é tempo e debemos valorar en cada un dos seus segundos. É algo que pasa extremadamente rápido.