Xesús Alonso Montero analiza a situación do galego amenizado coa música de Xosé Duarte

A actividade, que terá lugar este vernes no Auditorio municipal, enmárcase na homenaxe que a Mesa das Verbas organiza ao académico ao que nomeará socio de honra do colectivo 
Xesús Alonso Montero. DS
photo_camera Xesús Alonso Montero. DS

Situación e perspectivas do idioma galego onte (1973) e hoxe (2024) é o título da conferencia que o catedrático e membro da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, ofrecerá este venres, 12 de abril, no Auditorio a partir das 19.30 horas. Con entrada libre e de balde, o acto organizado pola Mesa das Verbas enmárcase na homenaxe que o colectivo lle rende ao erudito vigués ao que tamén nomeará membro de honra da asociación. A palestra, aberta a todo o público, contará coa amenización musical de Xosé Duarte. O Concello de Vilagarcía e a Deputación de Pontevedra colaboran na organización da actividade.

Traxectoria

Nado en Vigo en 1928, pero coa alma enraizada na comarca do Ribeiro, Xesús Alonso Montero destaca pola súa extensa e prolífica traxectoria profesional, intelectual e cultural e, en especial, pola súa intensa labor como activista da lingua galega. Presidente da Real Academia Galega entre 2013 a 2017 e membro do organismo dende 1993, foi catedrático de instituto, de escolas de Maxisterio e catedrático de Literatura da Universidade de Santiago de Compostela.

Posuidor dunha extensa obra literaria, de investigación sociolingüística e erudita, a súa tese de doutoramento fíxoa sobre Curros Enriquez, aínda que é experto tamén noutros autores, tanto en lingua galega, como Rosalía de Castro, como en castelán, como Antonio Machado. Prestixioso ensaista e articulista, acumula numerosos premios e recoñecementos ao longo da súa dilatada e polifacética carreira intelectual.