“Comprometemos unha xestión política próxima a xente para solucionar os seus problemas cotiás”

O candidato do BNG á alcaldía de Vilagarcía, Xabier Rodríguez, visitou o Parque da Coca para expresar a necesidade de urxir unha solución á limpeza de fincas
Visita do candidato Xabier Rodríguez ao Parque da Coca. DS
photo_camera Visita do candidato Xabier Rodríguez ao Parque da Coca. DS

O candidato do BNG á Alcaldía de Vilagarcía nas pasadas eleccións municipais, Xabier Rodríguez Paz, xunta ao aínda portavoz, Xosé L. Leirós, mantiveron este luns un encontro coa asociación Fonte da Coca para abordar problemas que soporta a veciñanza deste barrio, de fácil solución coa intervención dos servizos municipais, sen precisar de trámites complexos.

Entre eles, pola importancia medioambiental, de prevención fronte a potenciais incendios e de seguranza sanitaria, está a demanda de que se obrigue, aos propietarios dos predios que lindan con este espazo residencial, ao cumprimento da “Resolución do 19 de maio de 2020 relativa á xestión da biomasa, limpeza, roza e mantemento tanto en montes e terreos forestais, ou en predios en solo rústico que alberguen especies vexetais leñosas ou herbáceas, como nos predios existentes en solo urbano, urbanizable e de núcleo rural”.

Con todo, dúas actuacións piden intervención prioritaria, de simple execución para o Concello: cortar as polas que están invadindo fiestras e outros ámbitos de edificacións, dentro do conxunto arbóreo que polo seu crecemento require tamén unha ulterior actuación, no tempo técnico aconsellábel e con máis control, para ordenar este conxunto do parque.

A outra, indican dende o partido, é a necesidade de sinalar a prohibición de aparcamento para vehículos, no cruce da rúa Bubela coa rúa Florida, na parte da beirarrúa curvada que está ao carón do muro de peche da área do “circuíto pump track”, facilitando a circulación segura de vehículos e peóns.