A Xunta ofertará duas prazas de medicina de familia e unha de pediatría en Vilagarcía

Así o sinalou o conselleiro de Sanidade, no Parlamento de Galicia, nunha resposta a un dos grupos da Cámara referida á situación da atención primaria en Vilagarcía de Arousa
Centro de salud Ambulatorio de San Roque en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Centro de salud Ambulatorio de San Roque en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou este xoves no Parlamento de Galicia que a oferta de emprego público aprobada pola Xunta de máis de 420 prazas de persoal sanitario por concurso de méritos, aprobada no pasado mes marzo, sairá publicada a vindeira semana no Diario Oficial de Galicia e, na mesma, inclúense tres prazas para o centro de saúde de Vilagarcía, das que dúas son de medicina de familia e unha de pediatría.

Así o remarcou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego no Pleno do Parlamento de Galicia, en resposta a unha pregunta dun dos grupos da Cámara, referida  ás iniciativas impulsadas pola Xunta co obxecto de mellorar a atención primaria en Vilagarcía.

Coa cobertura destas tres prazas, -dixo o conselleiro-, máis as catro adxudicadas en 2022 por este mesmo sistema, “lograremos cubrir todas as vacantes que existían no centro de saúde desta cidade, completando a cobertura total do cadro de persoal deste centro, con sete novos profesionais con praza fixa”.

Respecto do novo centro de saúde, este mes de marzo aprobouse un proxecto básico que contempla unha superficie de máis de 8.300 m2 con tres consultas máis de medicina xeral ata chegar ás 17; catro máis de enfermería, ata as 17 tamén; unha máis de pediatría; e dúas máis de enfermería de pediatría, ata chegar a cinco de cada.

Segundo sinalou o conselleiro, “o estudo arquitectónico ten ata agosto para presentar un novo proxecto de execución que permita á Xunta licitar esta obra por valor estimado de 14 millóns de euros”. Tamén remarcou na súa intervención que a mellora da situación provocada pola covid, e o reforzo de persoal que recibiu Vilagarcía, posibilitou reabrir, en novembro do pasado ano, o consultorio de Vilaxoán, unha medida que demandaba a poboación e coa que a Xunta cumpriu en canto lle foi posible.