Vilagarcía vivirá este xoves o Pleno organizativo do novo mandato de Alberto Varela

▶ O alcalde e catro edís do executivo, dous menos que no mandato anterior, contarán con salario, ao igual que un concelleiro do PP

▶ Tania García e Lino Mouriño serán tenentes de alcalde

Alberto Varela no seu proceso de investidura. DS
photo_camera Alberto Varela no seu proceso de investidura. DS

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, convocou para este xoves ás 10.00 horas o Pleno organizativo para o seu novo mandato, unha sesión na que se constitúen os grupos municipais, se establecen as retribucións e se fixan asuntos como a periodicidade das sesións dos órganos municipais.

Neste primeiro Pleno o alcalde dará conta do reparto de áreas e das delegacións de competencias nos membros do goberno e se procederá ao nomeamento dos representantes da Corporación nos distintos órganos colexiados supramunicipais e doutras administración, como a Mancomunidade do Salnés ou a Autoridade Portuaria.

A proposta que o alcalde elevará ao Pleno correspóndese co resultado das negociacións levadas a cabo cos grupos da oposición nas últimas semanas e en base aos resultados obtidos nas eleccións municipais do mes de maio. 

No que corresponde ao goberno local, propóñense catro liberacións máis a do alcalde, dúas menos que no anterior mandato. Tras as negociacións cos grupos e tendo en conta os resultados electorais, o Partido Popular contará tamén cunha liberación e cun posto de confianza, neste caso, ao 75% da xornada.

As concellerías liberadas serán as que ocupen Tania García, Paola María, Sonia Outón e Álvaro Carou. En canto aos postos de confianza, propóñense tres correspondentes ao secretario persoal do Alcalde, ao director da Fundación Municipal de Deportes e á Xerente de Urbanismo.

Para as retribucións económicas dos concelleiros liberados proponse a súa actualización conforme ao IPC acumulado nos catro últimos anos, xa que os salarios dos concelleiros mantivéronse conxelados ese tempo, o que é o mesmo que un 14,3% de subida. A tenente de alcalde pasará a cobrar 39.732 euros brutos anuais, e os demais concelleiros liberados, 34.799 euros ao ano. 

O alcalde será o único membro do goberno que non se beneficiará desta subida, posto que manterá a mesma retribución que no anterior mandato, con 52.799 euros brutos ao ano. Os postos de confianza chegarán aos 31.636 euros brutos anuais.

A proposta que o alcalde elevará ao Pleno organizativo tamén inclúe un aumento nas indemnizacións que cobran todos os membros da Corporación Municipal por asistencias aos Plenos e ás Xuntas de Goberno, que pasan de 130 a 150 euros.

Cada concelleiro cobrará por asistir ás Comisións Informativas 125 euros, fronte aos 110 do anterior mandato, e a indemnización por participar nas Mesas de Contratación e nas sesións da Xerencia de Urbanismo será de 50 euros.

TENENTES DE ALCALDE E DELEGACIÓN DE COMPETENCIAS. O executivo contará con dúas tenencias de Alcaldía. A primeira volverá a recaer en Tania García Sanmartín, e a segunda en Lino Mouriño. García Sanmartín xestionará as concellerías de Servizos Sociais, Persoas Maiores e Igualdade, como ata o de agora, ás que suma as delegacións en materia de Sanidade, Emerxencias e Seguridade Cidadá e Lino Mouriño mantén Servizos, Obras e Medio Rural.

Paola María continuará levando as áreas de Urbanismo e Mobilidade e incorpora a de Educación, mentres que Sonia Outón continuará dirixindo Cultura, Persoal e Normalización Lingüística. Pola súa parte, Álvaro Carou, ademais de Turismo, Novas Tecnoloxías e E-Admon, dirixirá Promoción Económica, Emprego e Xuventude.

Para completar a lista de edís, Varela contará con Carlos Coira, que levará a área de Deportes, con Diego García, que continuará con Medio Ambiente, Parques e Xardíns, e con Luz Abalo, que desempeñará a xestión das áreas de Economía e Facenda, como ata agora, e sumará Consumo.