As travesías en galeón do mes de agosto poderán reservarse a partir deste xoves

As viaxes, que serán de balde, realizaranse os días 11 e 12 e 18 e 19, con dúas saídas ás 16 e ás 18 horas en cada unha das xornadas organizadas polo Concello de Vilagarcía

Vistas da Illa de Cortegada desde o mar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Vistas da Illa de Cortegada desde o mar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía abre ás 9 da mañá deste xoves, 27 de xullo, a reserva de prazas para participar nas travesías gratuítas en galeón a realizar no mes de agosto. Pechada a quenda de xullo, as rutas previstas para o seguinte mes celebraranse nas fins de semana do 11 e 12 e do 18 e 19 de agosto.

Os interesado nestas prazas deben inscribirse a través da web www.ataquilla.com. Como xa aconteceu no mes de xullo, en cada unha das xornadas realizaranse dúas travesías, unha con saída ás 16 horas e outra ás 18. O número máximo de prazas que se poden reservar nunha mesma solicitude é de 4.

O programa das travesías en galeón promovido polo Concello ofrece unha alternativa turística e de ocio que permite aos participantes gozar da experiencia de navegar a vela nunha embarcación tradicional galega pola Ría de Arousa, así como coñecer a riqueza natural e patrimonial da illa de Cortegada, integrada no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. Tamén é un medio para divulgar a riqueza etnográfica dos pobos mariñeiros e das embarcacións tradicionais como as que hai décadas sucaban as augas da Ría.