Vilagarcía solicita á Xunta a subvención anual para a contratación de socorristas

A axuda cubre un máximo de 10 traballadores e o Concello asumirá os contratos necesarios para completar o servizo
Vilagarcía Playa Vilaxoan socorristas
photo_camera Socorristas na praia do Preguntorio en Vilaxoán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía solicitou á Xunta de Galicia a concesión da subvención anual para a contratación de socorristas para a tempada de praias. A petición tramitada demanda financiamento para contratar a xornada completa e durante tres meses a 10 vixiantes, o número máximo que permite a liña de axudas este ano, polo que o Concello, a maiores, terá que asumir a contratación dos outros 2 que se precisan para completar o servizo a prestar nos areais da Concha, Compostela, Preguntoiro e Campanario. A subvención solicitada ascende a 51.000 euros aos que o Concello deberá engadir 1.800 euros máis para complementar os custes salariais correspondentes.

O Concello deberá esperar a que a Xunta resolva a convocatoria para coñecer a contía das axudas concedidas e o número de socorristas que se poderá contratar coa subvención que, polas experiencias anteriores, nunca chega a cubrir as prazas demandadas. O ano pasado, dos 12 contratos a tres meses solicitados, concedéronse 7 a dous meses, polo que ademais de ter que facerse cargo da contratación de outros 5 vixilantes, a administración local tamén tivo que asumir o custe de ampliar un mes de contrato aos outros 7.

Dado o axustado dos prazos nos que a Consellería de Emprego soe resolver esta convocatoria, o Concello tamén solicitou autorización para iniciar os procesos de selección de persoal sen necesidade de esperar á resolución, a efectos de que se poida remitir a oferta de emprego ao Servizo de Colocación e realizar as probas con tempo suficiente para que o servizo de vixilancia e socorrismo poida comezar a prestarse o 1 de xullo.