Vilagarcía pide á Xunta medidas eficaces para frear a mortandade de marisco

Varela e o deputado Julio Torrado reuníronse a pé de praia coa presidenta das mariscadoras de Carril e coa bióloga e constaron a ausencia de recurso nos bancos da Concha-Compostela
Vilagarcía Alberto Varela se reúne con las mariscadoras de Carril
photo_camera Alberto Varela durante a visita ás mariscadoras de Carril. DS

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, insta á Consellería de Pesca a adoptar medidas serias e eficaces que logren frear a continua mortandade de marisco que se está a producir dende hai anos nas zonas marisqueiras de Carril e no conxunto da ría de Arousa, e que está levando á ruína ás mulleres e homes que viven deste recurso . O rexedor, o deputado socialista Julio Torrado, e membros do goberno local reuníronse na praia coa presidenta da agrupación de marisqueo a pé de Carril e coa bióloga do pósito para coñecer de primeira man a crítica situación que atravesa a zona. Os socialistas amosaron a súa solidariedade co sector, que vén de decretar un paro forzado debido á falta de recurso, e puxéronse a súa disposición para colaborar en todo o posible.

O encontro produciuse a pé de praia, nas concesións da Concha, a zona máis protexida e que historicamente, rexistraba unha maior produtividade. Malia isto, puideron comprobar que o raño saía do mar con cunchas baleiras e, os escasos exemplares de ameixa que aínda se atopaba viva, non dan a talla para a súa comercialización e, segundo explicou María Porto, acabará morrendo antes de acadar o tamaño.

A m ariscadora explicou que esta situación non é nova, que se vén repetindo ano tras ano dende hai máis dunha década, e que a carencia de recurso é cada vez máis grave ao non dar resultado os plans, supostamente correctores, que pon en marcha a Consellería de Pesca. Por esta razón demandan un cambio de estratexia e que a administración autonómica, competente na materia, adopte de forma urxente as medidas necesarias para rexenerar a ría e que esta volva acadar os niveis de produtividade que tiña.

Alberto Varela compartiu a preocupación das mariscadoras que se viron forzadas a deixar de traballar en plena campaña de Nadal, a época na que deberían obter os maiores ingresos de todo o a ano, e tamén pola perda de postos de traballo na que pode derivar a situación.