Vilagarcía logra un millón de euros para a segunda fase da ampliación da piscina municipal

Esta parte do proxecto afecta á construción do novo vaso, cunhas obras valoradas en 3,2 millóns de euros en total
Piscina de Fontecarmoa en Vilagarcía. DP
photo_camera Piscina de Fontecarmoa en Vilagarcía. DP

O Goberno local de Vilagarcía avanza na financiación destinada á ampliación da piscina municipal, cun acordo acadado coa Deputación de Pontevedra polo que se aprobou a subvención dun millón de euros destinado á segunda fase do proxecto. A Xunta de Goberno deu conta deste logro, que se investirá na construción do segundo vaso e na conexión do novo edificio co vello, a cuxa reforma se vai adicar a primeira fase da obra. 

A primeira fase das obras, valoradas en case 520.000 euros, atópase a piques de finalizar o proceso administrativo que esixen os fondos Feder ligados á Edusi 'Vilagarcía Avanza', e a intención do Concello é poder licitala de inmediato. Pola súa banda, a segunda fase dilatarase ao contar cun orzamento total de 3,2 millóns de euros, que o Goberno local debe completar.

A axuda provincial inscríbese no Programa de Infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030. Á convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, presentáronse 57 dos 59 municipios menores de 50.000 habitantes da provincia, dos cales só 40 puideron cumprir cos criterios esixidos, Vilagarcía entre eles. Cabe recordar que a carestía dos materiais e as novas esixencias de calidade case duplicaron o inicialmente orzamentado que, á súa vez, obrigou ao goberno de Alberto Varela a buscar novas vías de financiación. O primeiro resultado é este: ao menos un terzo do diñeiro preciso será sufragado a través dun plan provincial relacionado co cumprimento da Axenda 2030 de desenvolvemento sostible.

Dende o Goberno local explicaron que seguen explorando outras vías de financiación externas que permitan rebaixar ao máximo os recursos propios a aportar a este proxecto, un dos más ambiciosos postos en marcha polo Concello nos últimos anos e unha das demandas mais recorrentes dos usuarios das instalacións deportivas municipais.

Se a primeira fase céntrase na reforma interna da piscina actual, optimizando espazos (vestiarios, armarios, duchas) e resolvendo os problemas de filtracións na fachada vidrada. A segunda terá por obxecto fundamental a construción dun novo vaso de 25x12,5 metros cunha bancada anexa con capacidade para 330 persoas (unha das principais demandas dos clubs á hora de poder organizar competicións), a conexión do vello edificio e a dotación da máis moderna tecnoloxía para a climatización da propia piscina e servizos anexos.