Vilagarcía leva gastados 51.000 euros para resolver unhas filtracións de gasóleo nun edificio

Os técnicos que redactan o proxecto de descontaminación realizarán probas con equipos de alto baleiro o día 11
Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía segue traballando na procura dunha solución definitiva ás filtracións de gasóleo que dende hai meses se rexistran no garaxe dun edificio de vivendas da avenida Doutor Tourón. Nas diversas actuacións levadas a cabo dende o pasado mes de novembro, a administración local ten gastado 51.400 euros. A última destas medidas foi contratar a elaboración dun proxecto de descontaminació n á empresa especializada Hera Holding Hábitat Ecología y Restauración Ambiental, cuxos técnicos desprazaranse dende Madrid a Vilagarcía o vindeiro 11 de xullo para realizar un ensaio sobre o terreo utilizando equipos de alto baleiro.

A redacción do proxecto de descontaminación debe estar finalizado a mediados do mes de agosto, momento no que se coñecerá o alcance das obras a realizar e o custe das mesmas. En espera dese momento e no clima de colaboración que o Concello mantén cos veciños afectados para tratar de resolver esta problemática, a administración local asume dende xaneiro os custes do baleirado periódico do pozo freático do garaxe no que se acumula a filtración de gasóleo, traballos contratados á empresa especializada Codisol, que ademais de retirar os residuos, se encarga de transportalos á planta autorizada para o seu correcto tratamento.

Os diversos ser vizos realizados dende principios de ano por este concepto acumulan xa un gasto de 15.000 euros, cantidade cuxo pago non se ordenou antes debido a que a firma non presentara a documentación requirida. O trámite xa foi completado e xa está fixado un novo baleirado nos vindeiros días. A maiores, dende que se detectou a presenza de augas residuais no pozo, o Concello tamén ordenou varias limpezas da rede de saneamento por parte do camión aspirador de Contucho.

Como se vén comprobando despois de todas as actuacións realizadas, a problemática que está sufrindo a comunidade de veciños do edificio de Doutor Tourón afectado polas verteduras de gasóleo que emanan do subsolo é complicada de resolver. Malia que o Concello non ten competencia nin responsabilidade nunha situación que non deriva de ningún servizo municipal, decidiuse colaborar cos afectados.

Ademais de asesoramento, buscouse unha empresa especializada (Hera Holding) á que se encargou a realización dun estudo preliminar por importe de 1.815 euros. A continuación contratouse con esta mesma firma a realización dos traballos de campo para tratar de pescudar a orixe da vertedura. Esta obra tivo un custe de 24.586 euros e consistiu na realización de varias catas para comprobar as condicións do subsolo na área comprendida entre Doutor Tourón, Rodrigo de Mendoza e García de Caamaño e tratar de pescudar a procedencia das filtracións. Aínda que non se puideron extraer conclusións definitivas, o informe apunta como posible orixe da vertedura a un bloque de vivendas situado nas inmediacións no que recentemente se retirou un depósito de gasóleo.

Así a todo, o goberno decidiu dar un paso máis para tratar de poñer fin ao problema contratando a redacción do proxecto de descontaminación do chan e do subsolo na zona afectada, actuación que supuxo o desembolso de 10.000 euros máis. Unha vez estea rematado, o documento deberá remitirse á Xunta de Galicia para a súa autorización, paso preceptivo, como xa aconteceu non caso das catas, e deberase concretar o financiamento das obras a realizar.

Independentemente de todo isto, a administración local resérvase o dereito a presentar accións legais polos gastos ocasionados pola resolución dun problema no que, como se dixo, o Concello non ten competencia nin é responsable. A decisión dependerá do que determinen os servizos xurídicos municipais.