Vilagarcía celebra a colaboración veciñal para priorizar os investimentos nas zonas rurais e periurbanas

Na última semana, o alcalde entrevistouse cos representantes veciñais de Sobradelo, Trabanca Badiña e Aldea de Arriba
Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Goberno local celebra a decisión de distintas asociacións veciñais de unir as súas forzas e intereses arredor dunha plataforma, co obxectivo de priorizar os investimentos municipais nas zonas rurais e periurbanas do municipio. "Dende logo, é bo que os veciños dunha parroquia coñezan as necesidades e as obras a realizar que se plantexan nos outros lugares do municipio. Isto tamén servirá para que toda a veciñanza, incluída a das zonas claramente urbanas, coñeza e valore o esforzo colectivo que supón levar adiante un proxecto. Esta fin de semana, por exemplo, anunciamos un investimento de 90.000 euros para un tramo de camiño de só 220 metros, en Fontecarmoa, e outro de 214.000 para 130 metros (o acceso ao Piñeiriño). Se extrapolamos estes datos a toda a rede de viais do municipio, é evidente que é preciso planificar e priorizar, porque non hai orzamento que poida atallar dunha tacada todo o que sería necesario; e, nese sentido, a plataforma veciñal será un bo apoio para planificar e priorizar", explicaron dende o Goberno local.

Con todo, dende o executivo lémbrase que todas as semanas tanto o alcalde como os concelleiros reciben a directivos das distintas asociacións e a veciños en particular, que lles transmiten as súas propostas, ás veces tamén queixas, para mellorar o acceso a un lugar, un centro sociocultural o unha área recreativa, ou mesmo a colocación dos contedores de lixo. A semana pasada, por exemplo, o alcalde entrevistouse cos representantes veciñais de Sobradelo, Trabanca Badiña e Aldea de Arriba.

As iniciativas, sexan colectivas ou individuais, son moi agradecidas polo goberno de Alberto Varela, manifestaron, xa que son os residentes dun lugar determinado os que mellor coñecen as súas necesidades e, polo tanto, a súa opinión axuda aos políticos e aos técnicos a adoptar a mellor solución a un problema.